- Hoxe arrinca, na que será a súa sexta edición, o Festival Mar de Mares, que estará en vigor ata o próximo 22 de setembro, estendendo algunhas das súas actividades ata o 30 de outubro.
- Unha vez máis, con esta cita preténdese evidenciar a importancia que o mar ten para a vida, toda vez que proporciona osíxeno e recursos.
- O evento, que se desenvolverá na Coruña, tomará a forma de exposicións, talleres, proxeccións, concertos, storytellings, visitas intermareais e o tradicional Mercado do Mar, onde se porá de relevo os múltiples produtos e servizos que ofrece o mar galego.
- Así mesmo, promocionarase a reciclaxe como elemento imprescindible na xestión sostible dos residuos.
Cerceda, a 18 de setembro de 2019.- Hoxe arrinca a sexta edición do Festival Mar de Mares, que estará en vigor ata o próximo 22 de setembro, se ben algunhas das súas actividades estenderanse ata o 30 de outubro.
O océano volve a cobrar protagonismo baixo o lema “O mar, latexo do planeta”, evidenciando desta forma a importancia que o mar ten para a vida, toda vez que produce entre o 50 e 70% de osíxeno que se xera na terra, ademais doutros recursos.
Como vén sendo habitual, o evento, que se levará a cabo na cidade da Coruña, terá visibilidade a través de diferentes enfoques que tomarán a forma de exposicións, talleres, proxeccións, concertos, storytellings, visitas intermareais e o tradicional Mercado do Mar, aderezado con degustacións gastronómicas e xornadas de cociña sostible, poñendo de relevo os múltiples produtos e servizos que ofrece o mar galego.
Así mesmo, levaranse a cabo encontros cos que se pretende enxalzar a figura da muller e recoñecer o traballo realizado por esta no ámbito da ciencia e o mar. Mari Carmen Domínguez, Karmenka, científica, experta en glaciares, desxeo e cambio climático, relatará a súa experiencia no estudo do desxeo nas zonas polares co seu proxecto Glackma. Pola súa banda, Ana Morillas, do Centro Oceanográfico de Baleares do IEO, recupera a historia das pioneiras da oceanografía.
A reciclaxe tamén terá o seu espazo, xa que o Festival pretende ser un instrumento para concienciar á poboación sobre a necesidade de levar a cabo unha xestión sostible dos residuos.
Neste marco, o vindeiro sábado, día 21, a Fundación Paidea acollerá unha intervención de Joan Marc Simon, Director de Zero Waste, entidade sen ánimo de lucro que traballa a nivel europeo para impulsar a redución de residuos nas cidades, empresas e hábitos de consumo.
Toda a información en festivalmardemares.org
Saúdos, Departamento de Comunicación