- Con motivo do Día Mundial dos Océanos, que se celebra mañá, 8 de xuño, Sogama lanza un manual no que explica, dunha forma sinxela e asequible para todos os públicos, a problemática que o lixo representa para os ecosistemas mariños, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
- Calcúlase que cada ano entran no mar entre 6,4 e 8 millóns de toneladas de refugallos, das cales un 80% teñen a súa orixe na terra, correspondendo o 20% restante a actividades pesqueiras tales como perda de aparellos.
- A Unión Europea xa tomou cartas no asunto coa publicación, en xaneiro de 2018, da Estratexia sobre Plásticos e, máis recentemente, o Pleno do Parlamento Europeo acordou a prohibición de plásticos dun só uso a partir do ano 2021, ao tempo que estableceu novos e máis esixentes obxectivos de reciclado.
Cerceda, a 7 de xuño de 2019.- Con motivo do Día Mundial dos Océanos, que ten lugar mañá, 8 de xuño, Sogama quixo poñer de relevo a problemática que o lixo, especialmente os plásticos, representa para os mares. A afección que producen sobre os océanos, así como o traballo que se está a levar a cabo para facer fronte aos mesmos, constitúen aspectos que plasmou nun pequeno documento gráfico, asequible para todos os públicos, cuxo único fin é contribuír a que a poboación tome conciencia da necesidade de manter os nosos mares limpos, esenciais para a vida.
Calcúlase que cada ano entran no mar entre 6,4 e 8 millóns de toneladas de refugallos, das cales un 80% teñen a súa orixe na terra, correspondendo o 20% restante a actividades pesqueiras tales como a perda de aparellos. De continuar nesta liña, os expertos auguran que no ano 2050 haberá máis plásticos que peixes no mar.
ECOSISTEMAS, FAUNA, PESCA, TURISMO, ALIMENTACIÓN: EN PERIGO
E é que, cando os residuos plásticos inician a súa ruta polos océanos, efectúan longas viaxes arrastrados polas correntes mariñas a través dos cales transportan organismos dun lugar a outro que, en moitas ocasións, convértense en invasores. Cando se fragmentan, dan lugar aos temidos microplásticos, que facilmente poden acabar nas nosas mesas a través do peixe que comemos ou o sal coaque aderezamos os nosos pratos.
Resulta frecuente que os animais se enreden e queden atrapados en redes de pesca ou cordas abandonadas; noutros casos acaban inxerindo os plásticos ao confundilos con alimentos, ocasionándolles a morte. Baleas, delfíns, focas, aves e tartarugas mariñas son, entre outras, algunhas das especies afectadas. Non en van, os residuos provocan a morte duns 100.000 mamíferos mariños cada ano.
A pesca resulta tamén gravemente afectada ao minguar a cantidade de peixes, crustáceos e organismos filtradores. Isto débese a que o fondo mariño está cuberto con sedimentos de lixo. Por cada 5 quilos de peixes no mar, hai 1 quilo de lixo plástico, coa particularidade de que os refugallos mariños constitúen tamén un perigo para a navegación ocasionando danos moi custosos.
Nin que dicir ten que o sector do turismo é outro dos grandes sufridores, toda que a limpeza e o bo estado dos areais resulta vital para o mesmo.
NORMATIVA EUROPEA EN MARCHA
Máis do 80% do lixo que acaba nas praias está conformado por plásticos dun só uso (pratos, vasos, cubertos, pajitas, bastoncillos), ademais de redes, aparellos e cabichas.
Ante esta situación, a Unión Europea xa tomou cartas no asunto coa publicación, en xaneiro de 2018, da Estratexia sobre Plásticos. Máis recentemente, o Pleno Parlamento Europeo acordou a prohibición de plásticos dun só uso a partir do ano 2021, á vez que se estableceron novos e máis esixentes obxectivos de reciclado, outorgando tamén maior responsabilidade aos fabricantes de aparellos de pesca, que deben asumir o custo da recollida de redes perdidas.
Ao mesmo tempo, emerxeu un importante movemento social encamiñado cara á limpeza de areais cunha elevada implicación de voluntarios. Un loable xesto a aplaudir e que debe ir á par doutro xesto aínda máis importante: ensuciar menos.
Link da campaña: http://www.sogama.gal/gl/campanha/o-mar-non-%C3%A9-un-vertedoiro
Saúdos, Departamento de Comunicación