- Así reza o lema da campaña que Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, levará a cabo con motivo da Semana Europea da Prevención de Residuos 2021.
- O obxectivo da mesma é potenciar o uso do contedor marrón para a recollida diferenciada da materia orgánica, que será obrigatoria para os concellos antes do 31 de decembro de 2023.
- Con tal fin, a empresa instalará, entre o 20 e o 27 de novembro, puntos informativos nas tres localidades pioneiras nesta recollida (Carballo, Laracha e Cerceda), tamén en Arteixo, así como en Oroso e Santa Comba, que prevén sumarse a esta iniciativa en breve.
Cerceda, a 8 de novembro de 2021.- Baixo o lema “O marrón, o contedor que devolve a vida”, Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e no marco da Semana Europea da Prevención de Residuos (que se celebrará do 20 ao 28 de novembro), levará a cabo unha campaña orientada a potenciar o uso do quinto contedor (de cor marrón) en tres concellos pioneiros na instauración do mesmo (Carballo, Laracha e Cerceda), tamén en Arteixo, así como noutros dous entes locais interesados en sumarse a esta iniciativa a curto prazo: Santa Comba e Oroso.
Nos seis municipios habilitarase un punto informativo, que estará atendido por educadores ambientais especializados en xestión sostible de residuos, a fin de abundar nas boas prácticas vinculadas á redución, a reutilización e a reciclaxe e, máis especificamente, na importancia de valorizar a materia orgánica a través da súa transformación en compost de calidade.
No caso de Carballo, Laracha, Cerceda e Arteixo, os monitores centraranse en lembrar o que debe e non debe depositarse neste recipiente, e resolverán as dúbidas trasladadas polos cidadáns en relación á correcta xestión dos refugallos urbanos.
Pola súa banda, en Santa Comba e Oroso, a acción focalizarase sobre o labor do quinto contedor, que chegará ás rúas no seu momento, así como nos beneficios que a recollida segregada dos residuos orgánicos reportará de cara ao cumprimento dos obxectivos de reciclaxe fixados pola Unión Europea para os próximos anos.
REDE PARA A VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA
Os concellos, que son quen teñen as competencias en materia de residuos, están obrigados a implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón. Con todo, a Xunta de Galicia, a fin de axudalos nesta tarefa, deseñou, e atópase executando a través de Sogama, unha rede de infraestruturas coa que se posibilitará que a meirande parte dos concellos adscritos a esta empresa pública, e que acollen a máis de 2.240.000 habitantes, teñan acceso á valorización da materia orgánica.
Deste xeito, a rede estará conformada por catro plantas de biorresiduos: a de Cerceda, na Coruña (xa en funcionamento), e as de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense), que contarán co apoio de 13 plantas de transferencia que serán reformadas, adaptadas ou reconstruídas a fin de dotalas dunha tolva específica para o transvase da materia orgánica, que logo será trasladada á planta de compostaxe máis próxima para a súa conversión en compost de alta calidade. Preténdese así que os municipios dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
CALENDARIO PUNTO INFORMATIVO
CONCELLO |
DATA |
DÍA SEMANA |
ARTEIXO |
20/11/2021 |
Sábado |
LARACHA |
23/11/2021 |
Martes |
CERCEDA |
24/11/2021 |
Mércores |
CARBALLO |
25/11/2021 |
Xoves |
SANTA COMBA |
26/11/2021 |
Venres |
OROSO |
27/11/2021 |
Sábado |
En todos os casos, o horario de atención do punto informativo será de 10:00 a 14:00 e de 15:30 a 18:00 horas, excepto en Cerceda, que será de 15:30 a 18:00 horas.
Saludos, Departamento de Comunicación