- Con esta, xa son oito as edicións nas que este Máster, que coordina o catedrático Francisco Omil Prieto, mantén a súa primeira posición
- O seu carácter profesionalizante queda evidenciado polo labor efectuado por parte da ETSE, con máis de 100 convenios con organismos e empresas (entre as que se atopa Sogama)
- A misión específica do Enxeñeiro Ambiental é a prevención do dano ambiental, a protección do medio ambiente e a mellora da calidade ambiental fronte a problemas coma o consumo non sostible dos recursos, a xeración de residuos e a contaminación da auga, aire e dos solos
- As prácticas externas en empresas e o cadro docente de alto nivel, constitúen igualmente factores de éxito
Cerceda, a 22 de xullo de 2022.- O Máster en Enxeñería Ambiental da Universidade de Santiago de Compostela (USC), coordinado polo catedrático Francisco Omil Prieto, revalidou o seu primeiro posto na Clasificación 250 Máster que elabora anualmente o xornal El Mundo, na sección de Xestión Ambiental.
Con esta, xa son oito as edicións nas que este Máster mantén a súa primeira posición, e isto malia os movementos e cambios de titulacións de diferentes universidades, cun peso significativo das privadas.
FORMACIÓN INTEGRAL E PROFESIONALIZANTE
Hoxe, máis que nunca, necesítanse expertos en medio ambiente que acheguen os seus coñecementos, bagaxe e experiencia para avanzar cara a unha verdadeira economía circular, cooperar na transición ecolóxica e facer fronte ao cambio climático.
Non debe esquecerse que a Enxeñería Ambiental é a rama da enxeñería que estuda os problemas ambientais de forma integrada, tendo en conta as súas dimensións ecolóxicas, sociais, económicas e tecnolóxicas. Non só analiza as súas causas, senón que propón métodos orientados á súa redución ou eliminación.
O Enxeñeiro Ambiental ten como misión específica a prevención do dano ambiental, a protección do medio ambiente e a mellora da calidade ambiental fronte a problemas coma o consumo non sostible dos recursos, a xeración de residuos e a contaminación da auga, aire e dos chans, para o que é necesaria unha formación básica que lle permita deseñar e executar obras e instalacións, mellorar procesos e achegar posibles solucións aplicables aos problemas de promover un desenvolvemento sostible.
De forma implícita ou explícita, os conceptos de desenvolvemento sostible e economía circular estanse a adentrar nos distintos niveis de todos os sectores de actividade humana, e a súa adopción non significa unicamente aplicar tecnoloxías para tratar os residuos producidos pola actividade industrial, senón transformar os procesos produtivos para reducir a súa xeración, aumentar a eficacia xeral no aproveitamento de recursos naturais e, en definitiva, conseguir que a actividade industrial sexa cada vez máis eficaz e respectuosa coa nosa contorna.
A nivel formativo, a Enxeñería Ambiental implica coñecer a fondo os procesos, ter capacidade para transformalos, coñecer as interaccións destes coa contorna e estar preparados para traballar en equipos multidisciplinares, con capacidade para formular solucións e resolver os problemas cun enfoque holístico.
O carácter profesionalizante do Máster en Enxeñería Ambiental queda evidenciado polo labor efectuado neste campo por parte da ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñería), con máis de 100 convenios con empresas (entre as que se atopa Sogama) e organismos, tanto a nivel nacional como internacional.
CADRO DOCENTE DE ALTO NIVEL E PRÁCTICAS EXTERNAS
De feito, as Prácticas Externas en empresas e centros de investigación teñen carácter obrigatorio, cunha estancia dos alumnos nas mesmas dun mínimo de 150 horas (1 mes a xornada completa aproximadamente), con posibilidade de amplialas ata 3 meses. As prácticas externas mantéñense como o módulo mellor valorado do Máster de forma continuada ao longo dos anos.
O cadro docente do Máster en Enxeñería Ambiental está composto por 30 profesores de 10 departamentos diferentes, un claro indicador do concepto transversal da titulación.
A práctica totalidade dos profesores contan cun amplo labor docente e investigadora recoñecida (publicacións, dirección de proxectos, pertenza a grupos de investigación consolidados, etc.), coa particularidade de que o 50% é membro do recentemente creado Centro Singular CRETUS (Cros-disciplinary Research in Environmental Technologies), grupo de excelencia a nivel internacional no campo das ciencias e tecnoloxías ambientais.
Más información en https://www.usc.gal/es/estudios/masteres/ingenieria-arquitectura/master-universitario-ingenieria-ambiental-3a-ed
Saludos, Departamento de Comunicación