- Pilar Piñeiro, experta en economía e sostibilidade, cunha traxectoria modélica e un currículo académico e profesional de primeiro nivel, asumiu a coordinación durante as dúas últimas edicións, comezando a undécima o próximo mes de outubro.
- Nunha entrevista publicada este mes de xullo na Newsletter de Sogama, definiu este Máster como un proxecto que naceu para dar resposta a unha necesidade do mercado laboral e que se confirmou como un éxito académico e profesional con amplas saídas laborais.
- O seu carácter multidisciplinar e transversal, así como a perfecta combinación de teoría e práctica e un cadro docente de primeira división, constitúen o seu principal aval. Non en van, foi premiado por APROEMA na modalidade de centros académicos.
- E por se isto fose pouco, cabería destacar a excelente relación calidade-prezo, toda vez que aplica un dos importes máis baixos do territorio español, tendo en conta que emana dunha Universidade pública.
- En cada edición inclúese unha novidade. A próxima comezará en outubro. Os interesados poden consultar toda a información no blog do máster http://mgdsostenible.blogspot.com, así como nas súas redes sociais.
Cerceda, a 2 de agosto de 2019.- Tras dez edicións (as seis primeiras baixo a coordinación do prestixioso Xavier Labandeira Villot, todo un referente mundial no ámbito da economía climática, enerxética e pública, e outras dúas baixo a do ex rector da Universidade de Vibo, Alberto Gago), Pilar Piñeiro García, experta en economía e sostibilidade, cunha traxectoria modélica e un currículo académico e profesional de primeiro nivel, asumiu a coordinación deste Máster durante as dúas últimas edicións, comezando a undécima o próximo mes de outubro.
Nunha entrevista concedida á Newsletter de Sogama, e publicada o presente mes de xullo, definiu este Máster como un proxecto que naceu para dar resposta a unha necesidade do mercado laboral e que se confirmou como un éxito académico e profesional con amplas saídas laborais.
FORMACIÓN ÚNICA CUNHA EXCELENTE CALIDADE-PREZO
E nada máis lonxe da realidade. Así o acreditan moitos dos alumnos e alumnas que tiveron a oportunidade de cursalo e que hoxe desempeñan a súa actividade profesional en diferentes sectores vinculados, directa ou indirectamente, á sostibilidade.
Porque unha das principais características deste Máster é precisamente a súa transversalidade e multidisciplinariedade, aberto a distintos perfís académicos desde unha Universidade pública.
Tras un período teórico, os estudantes realizan, con carácter obrigatorio, prácticas en empresas de dous a tres meses, completadas cun traballo de Fin de Máster no que deben aplicar o apreso durante o curso a un caso real.
Así mesmo, Pilar Piñeiro destaca a excelente relación calidade-prezo, toda vez que aplica un dos importes máis baixos do territorio español, pero cunha importante proxección e coa garantía de contar cun profesorado de alto nivel e coa colaboración de empresas e diversos organismos que levan as súas experiencias á aula.
Outra das particularidades deste Máster é que tivo alumnos de practicamente todas as titulacións: 25% de ámbito científico, 20% de ámbito tecnolóxico, 50% de ámbito xurídico-social e un 5% do ámbito das humanidades.
As saídas laborais son moi variadast e dependen de dous factores fundamentais: os estudos previos do alumno e os seus intereses no campo da sostibilidade.
E todo iso levoulle a recibir o premio APROEMA (Asociación Profesional de Empresas de Medio Ambiente) na modalidade de centros académicos, recoñecendo desta forma o esforzo e carácter innovador dun Máster distinguido polo seu éxito e pola súa gran achega á sostibilidade.
NOVIDADES
No blog do Máster http://mgdsostenible.blogspot.com, recóllese toda a información ao respecto e ata se da conta das propias experiencias profesionais, realmente interesantes e inspiradoras, de distintos ex alumnos.
Tal e como asegurou Pilar Piñeiro, en cada edición incorporan algunha novidade nesa procura da mellora continua. O pasado curso incluíron un módulo de emprendemento verde da man da Fundación Ronsel e a previsión é continuar e profundar na formación nas denominadas “competencias brandas” (comunicación, creatividade e traballo en equipo, entre outras) por resultar claves para mellorar a empregabilidade dos seus pupilos.
Adicionalmente, e para celebrar o seu décimo aniversario, realizarán un ciclo de xornadas dirixidas ao público en xeral. De feito, están a organizar unha sobre economía circular, outra sobre o papel dos xestores de residuos na economía circular e unha terceira sobre as saídas profesionais do Máster, información que se recollerá nas redes sociais do mesmo.
Saúdos, Departamento de Comunicación