- Os seus promotores consideran que esta experiencia contribúe en boa medida á formación técnica de futuros profesionais do sector, así como a dar unha visión máis práctica e real de todo o que ten que ver coa xestión ambiental nun ámbito industrial vinculado aos residuos
Cerceda, a 5 de marzo de 2024.- Unha vintena de alumnos/as que cursan o Máster en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental da Universidade da Coruña, desprazáronse en días pasados ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para coñecer as súas instalacións e operativa.
Non é a primeira vez que este Máster visita Sogama. De feito, vén facéndoo desde as súas primeiras edicións ao considerar que esta experiencia contribúe en boa medida á formación técnica de futuros profesionais do sector, así como a dar unha visión máis práctica e real de todo o que ten que ver coa xestión ambiental nun ámbito industrial vinculado aos residuos.
O grupo interesouse por distintos aspectos da actividade de Sogama, especialmente en todo o relativo ao proceso de tratamento de residuos e á incorporación das últimas tecnoloxías dispoñibles, que permiten á empresa separar, con mecanismos 4.0, os materiais contidos no lixo convencional e susceptibles de ser reciclados, acondicionando un combustible CDR coa parte non reciclable para ser valorizado enerxeticamente.
Os estudantes tiveron a oportunidade de realizar o percorrido virtual con lentes inmersivos 360º e tamén o percorrido físico, o que lles reportou unha visión máis global e integral do alcance e labor da empresa, tendo en conta que dá servizo a 295 concellos, o 94% de Galicia, aglutinando unha poboación superior aos 2,2 millóns de habitantes.
Así mesmo, interesáronse pola compostaxe industrial e doméstica, a rede de infraestruturas despregadas por Galicia para facer posible a primeira (4 plantas de biorresiduos e 13 de transferencia de apoio) e os medios despregados na segunda para favorecer a implantación da autoxestión da materia orgánica, tendo repartido de forma gratuita, entre 459 entidades (concellos, centros educativos e colectivos sociais) máis de 21.400 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación