- Gonzalo Sánchez Busóns, docente e educador medioambiental por excelencia, foi o encargado de organizar, dirixir e impartir na mesma unha actividade bautizada co lema “Construamos un futuro sen plástico”.
- Utilizando diversos recursos, explicou aos pequenos o negativo impacto que os plásticos orixinan sobre a contorna e as súas preocupantes consecuencias para os ecosistemas mariños, a fauna, a pesca, o turismo e a propia alimentación humana.
- Culminada a experiencia, e co obxectivo de reforzar os coñecementos adquiridos polos escolares, repartiu entre os pequenos libros de Os Bolechas aportados por Sogama a fin de que poidan profundar na menor produción de refugallos, no traballo que desenvolve esta empresa pública no seu complexo industrial e na recollida selectiva dos envases lixeiros.
Cerceda, a 28 de agosto de 2019.- A Aula da Natureza de Oira, adscrita ao concello de Ourense, deleitou aos pequenos da cidade cun ambicioso programa medioambiental de actividades que se viñeron desenvolvendo durante este verán, abordando distintas temáticas de interese.
Unha delas, bautizada co lema “Construamos un futuro sen plástico”, foi organizada, dirixida e impartida por Gonzalo Sánchez Busóns, docente e educador ambiental por excelencia, ademais de alma mater de “Os Ecovixiantes”, colectivo social conformado por mozos e mozas ourensáns comprometidos co coidado da contorna e que traballan intensamente durante todo o ano participando en batidas de limpeza de espazos naturais, así como en tarefas de concienciación e sensibilización orientadas a evitar que se arroxen as cabichas ao chan, a que se reduza a cantidade de lixo producido, a que se leve a cabo un consumo responsable, a que se separen correctamente os refugallos e se depositen no contedor correspondente para propiciar o seu reciclado e a que, en definitiva, a poboación viva en harmonía co medio.
A loita contra a contaminación por plásticos constitúe para Sánchez Busóns unha prioridade, toda vez que representan unha seria ameaza para a natureza, pois tardan séculos en degradarse, ademais de ocasionar un grave impacto ambiental nos océanos, xa que alteran os seus ecosistemas, prexudican á pesca, ao turismo e aos animais mariños, que os inxeren ao confundilos con alimento, así como ao propio organismo humano, pois os microplásticos están presentes no peixe que comemos e no sal co que aderezamos os nosos pratos.
Culminada a actividade, e co obxectivo de reforzar os coñecementos adquiridos polos pequenos, Gonzalo Sánchez fíxolles entrega de libros medioambientais de Os Bolechas aportados por Sogama. Cos títulos “Como producir menos lixo”, “Que se fai co lixo que chega a Sogama” e “Que se bota no contedor amarelo”, estes famosos personaxes da literatura infantil galega proporcionan as claves para minorar a xeración de lixo en distintos escenarios (supermercado, fogar, traballo, escola, lecer), á vez que explican o tratamento que os residuos reciben no complexo industrial de Sogama, onde se traballa para propiciar a reciclaxe da parte susceptible de ser recuperada por esta vía e converter en enerxía eléctrica a non reciclable. Ademais, afánanse en que os escolares aprendan a diferenciar os materiais que deben e non deben depositarse no contedor amarelo, destinado a acoller envases de plástico, latas e briks, un dos recipientes que xera maior confusión.
Saúdos, Departamento de Comunicación