- Tras o lanzamento do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas (2021-2030), os premios Campións da Terra deste ano poñen de relevo os esforzos para previr, deter e reverter a degradación dos ecosistemas en todo o mundo
- Nesta ocasión, os galardóns renden homenaxe a un ecoloxista, unha empresa, un economista, unha activista polos dereitos das mulleres e unha bióloga de vida silvestre
Cerceda, a 25 de novembro de 2022.- Esta mesma semana, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) anunciou os seus Campións da Terra 2022, uns galardóns que, nesta ocasión, renden homenaxe a un ecoloxista, unha empresa, un economista, unha activista polos dereitos das mulleres e unha bióloga de vida silvestre pola súa acción transformadora para previr, deter e reverter a degradación dos ecosistemas.
Tal e como asegurou Inger Andersen, directora executiva do PNUMA, “Os Campións deste ano evidencian como revivir os ecosistemas e apoiar a notable capacidade de rexeneración da natureza é tarefa de todos: os gobernos, o sector privado, os científicos, as comunidades, as ONG e as persoas a nivel individual”.
Desde a súa creación en 2005, o premio anual Campións da Terra foi outorgado aos pioneiros que están ao fronte das iniciativas para protexer o noso mundo natural. Este recoñecemento é o máximo galardón ambiental da ONU. Ata a data, o premio homenaxeou a 111 galardoados: 26 líderes mundiais, 69 persoas físicas e 16 organizacións. Este ano recibiuse un récord de 2.200 nomeamentos de todo o mundo.
CAMPIÓNS DA TERRA 2022
- Arcenciel (O Líbano), galardoada na categoría Inspiración e Acción, é unha empresa ambiental líder cuxo traballo para crear un medio ambiente máis limpo e saudable sentou as bases para a estratexia nacional de xestión de residuos do país. Na actualidade, Arcenciel recicla cada ano máis do 80 % dos residuos hospitalarios potencialmente infecciosos do Líbano.
- Constantino (Tino) Aucca Xutas (Perú), tamén galardoado na categoría Inspiración e Acción, foi pioneiro nun modelo de reforestación comunitaria impulsado por comunidades locais e indíxenas, que permitiu plantar máis de tres millóns de árbores no país. Tamén está a liderar ambiciosas iniciativas de reforestación noutros países andinos.
- Sir Partha Dasgupta (Reino Unido), galardoado na categoría Ciencia e Innovación, é un prestixioso economista cuxo estudo histórico sobre a economía da biodiversidade reclama unha reconsideración fundamental da relación da humanidade co mundo natural para evitar que os ecosistemas críticos alcancen puntos de inflexión perigosos.
- Dra. Purnima Devi Barman (a India), galardoada na categoría Visión Emprendedora, é unha bióloga de vida silvestre que lidera o "Exército Hargila", un movemento de conservación de base formado exclusivamente por mulleres dedicadas a protexer da extinción á gran cegoña axudante. As mulleres crean e venden téxtiles con motivos do ave, axudando a sensibilizar sobre a especie mentres constrúen a súa propia independencia económica.
- Cécile Bibiane Ndjebet (Camerún), galardoada na categoría Inspiración e Acción, é unha incansable defensora dos dereitos das mulleres en África para asegurar a tenencia da terra, o cal é esencial se queren desempeñar un papel na restauración dos ecosistemas, a loita contra a pobreza e a mitigación do cambio climático. Tamén lidera iniciativas para influír nas políticas sobre igualdade de xénero na xestión forestal en 20 países africanos.
Tras o lanzamento do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas (2021-2030), os premios deste ano poñen de relevo os esforzos para previr, deter e reverter a degradación dos ecosistemas en todo o mundo.
Os ecosistemas en todos os continentes e en todos os océanos enfróntanse a ameazas masivas. Cada ano o planeta perde unha proporción de superficie forestal equivalente ao tamaño de Portugal. Os océanos están a ser obxecto de sobreexplotación pesqueira e de contaminación, e 11 millóns de toneladas de plástico acaban no medio mariño cada ano. Un millón de especies están en perigo de extinción a medida que os seus hábitats desaparecen ou se contaminan.
A restauración dos ecosistemas é esencial para manter o quecemento global por baixo dos 2 °C e axudar ás sociedades e ás economías para adaptarse ao cambio climático. Tamén é fundamental para a loita contra a fame: a restauración a través da agrosilvicultura por si soa ten o potencial de aumentar a seguridade alimentaria de 1.300 millóns de persoas. Restaurar só o 15% das terras convertidas podería reducir o risco de extinción de especies nun 60%.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente