- Sogama comparte unha serie de consellos para gozar dun Nadal máis sostible
Cerceda, a 18 de decembro de 2022.- Logo de varios anos celebrando o Nadal por separado debido á pandemia, nesta ocasión retomámolo con ilusión, con moitas gañas de reencontro e seguramente cunha maior preocupación pola nosa pegada ecolóxica; preocupación que debe reforzarse nesa loita sen cuartel que debemos librar contra o cambio climático.
Non se trata de facer grandes sacrificios, senón de recuperar valores, de establecer prioridades, de reverter malas prácticas e de evitar o malgaste.
Podemos gozar destas Festas gastando racionalmente e con control, de tal forma que o noso peto, xa afectado pola elevada inflación, non sufra máis do necesario.
O que podemos facer:
1.- Planifica a compra: fai unha listaxe do que necesitas, adquire produtos a granel ou co menor envase posible. Rexeita as bolsas plásticas e leva o teu carro ou a túa bolsa.
2.- Alimentos: elíxeos de calidade, de tempada e quilómetro cero, é dicir, que se produzan preto de onde vives. Con isto diminuirás en boa medida as emisións de CO2 á atmosfera.
3.- Aforra: non é preciso adquirir os produtos máis caros para paladear un menú de primeira. Artigos a prezos alcanzables elaborados con agarimo converteranse nun auténtico manxar.
4.- Cociña: axusta as cantidades ao número de comensais, evita o desperdicio alimentario e aproveita as sobras para a elaboración de novos menús.
5.- Mobilidade cero emisións: os desprazamentos son inevitables nestas datas. En traxectos de proximidade, camiñar ou pedalear poden ser unha magnífica alternativa para a saúde e o medio ambiente. En distancias longas, opta polo transporte público.
6.- Agasallos con conciencia eco: non é necesario comprar artigos de luxo para satisfacer aos agasallados. Algo feito por ti, produtos naturais, artesanais, elaborados por grupos sociais en risco de exclusión, comercializados en tendas de segunda man, etc, poden ser unha boa opción.
7.- Decoración: aposta polo ecolóxico, materiais reciclados e evita todo o que implique usar e tirar.
8.- Iluminación: de baixo consumo e durante o tempo xusto.
9.- Prevención de residuos e reutilización: consome de forma responsable e alonga ao máximo a vida útil dos produtos.
10.- Máis reciclaxe: separa os refugallos en orixe para que poidan ser reciclados e convertidos en novas materias primas
Lembra:
- Contedor amarelo: envases de plástico, latas e briks.
- Contedor azul: papel e cartón.
- Iglú verde: envases de vidro.
- Contedor marrón: materia orgánica.
- Contedor convencional: fracción resto.
Saúdos, Departamento de Comunicación