- Un informe da AEMA publicado en datas recentes, apunta a que a contaminación atmosférica e acústica, os efectos do cambio climático e a exposición a produtos químicos perigosos causan un deterioro da saúde en Europa.
- Así mesmo, subliña que unha natureza sa é un mecanismo clave para a saúde pública, xa que reduce as enfermidades e promove o benestar.
Cerceda, a 6 de outubro de 2020.- De acordo cunha avaliación xeral sobre a saúde e o medio ambiente publicada en datas recentes pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), a contaminación atmosférica e acústica, os efectos do cambio climático e a exposición a produtos químicos perigosos causan un deterioro da saúde en Europa.
Mellorar a saúde e o benestar dos cidadáns da Unión Europea é hoxe máis importante que nunca, cando a atención está enfocada en enfrontar o COVID-19.
O informe da AEMA «Healthy environment, healthy lives: how the environment influences health and well-being in Europe » [Medio ambiente saudable, vidas saudables: a influencia do medio ambiente na saúde e o benestar en Europa], baseado en gran medida en datos da Organización Mundial da Saúde sobre as causas de morte e enfermidade, subliña ata que punto a calidade do medio ambiente en Europa xoga un papel decisivo á hora de determinar a nosa saúde e o noso benestar.
Entre as conclusións principais do estudo, cabería sinalar as seguintes:
- A contaminación atmosférica continúa a ser unha das principais ameazas ambientais para a saúde en Europa, seguida pola contaminación acústica e o cambio climático, en particular as onda de calor.
- A carga da contaminación e os efectos do cambio climático varían ao longo de Europa, con diferenzas claras entre os países do este e os do oeste do continente.
- As comunidades máis pobres con frecuencia atópanse expostas a niveis máis elevados de contaminación e ruído, así como a altas temperaturas, á vez que as condicións sanitarias preexistentes incrementan a vulnerabilidade aos riscos ambientais para a saúde.
- As persoas atópanse expostas a múltiples riscos en todo momento, como a contaminación atmosférica, da auga e acústica, ademais dos produtos químicos, que se combinan, e nalgúns casos actúan ao unísono, con efectos sobre a saúde.
- As investigacións en curso analizan as relacións entre a actual pandemia de COVID-19 e as dimensións medioambientais.
ENFOQUE INTEGRADO DAS POLÍTICAS AMBIENTAIS
O informe subliña que é necesario un enfoque integrado das políticas medioambientais. Unha natureza sa é un mecanismo clave para a saúde pública, xa que reduce as enfermidades e promove o benestar.
As solucións ecolóxicas ofrecen un triplo efecto beneficioso. Os ecosistemas acuáticos, coñecidos como espazos azuis, e os espazos verdes de calidade nas zonas urbanas favorecen a saúde e calidade de vida, ofrecen zonas para a actividade física, a relaxación e a integración social, e reportan maiores beneficios para as comunidades pobres. Os espazos verdes e azuis refrescan as cidades durante as onda de calor, alivian as inundacións, reducen a contaminación acústica e promoven a biodiversidade urbana.
Dentro da UE, o Pacto Verde Europeo representa un cambio fundamental que marca o camiño na axenda política europea e establece unha estratexia sostible e inclusiva para mellorar a saúde e coidar a natureza
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pixabay