- Apoia a proposta da Comisión de poñer en marcha medidas de restauración para 2030 que cubran alomenos o 20% de todas as áreas terrestres e marítimas da UE
Cerceda, a 19 de xullo de 2023.- O Parlamento Europeo adoptou a súa posición sobre a Lei de restauración da natureza da UE con 336 votos a favor, 300 en contra e 13 abstencións. Considera que a restauración do ecosistema é clave para combater o cambio climático e a perda de biodiversidade, ademais de reducir os riscos para a seguridade alimentaria. Neste sentido, os eurodeputados apoian a proposta da Comisión de poñer en marcha medidas de restauración para 2030 que cubran alomenos o 20% de todas as áreas terrestres e marítimas da UE.
Así mesmo, destacan que o proxecto de lei non impón a creación de novas áreas protexidas na Unión Europea nin bloquea a nova infraestrutura de enerxías renovables, xa que se engadiu un novo artigo que subliña que estas instalacións son de interese público.
O Parlamento recalca que a nova lei debe contribuír a alcanzar os compromisos internacionais da UE, en particular o marco mundial de biodiversidade de Kunming-Montreal da ONU, e sinala que só deberá aplicarse unha vez que a Comisión teña achegado datos sobre as condicións necesarias para garantir a longo prazo a seguridade alimentaria e cando os Estados membros teñan cuantificado a área que necesita ser recuperada para alcanzar os obxectivos de restauración para cada tipo de hábitat.
A Cámara tamén expón a posibilidade de pospoñer os obxectivos en caso de consecuencias socioeconómicas excepcionais.
No prazo de doce meses desde a entrada en vigor do Regulamento, a Comisión terá que avaliar se hai algún desfasamento entre as necesidades financeiras de restauración e os fondos da UE dispoñibles, e buscar solucións para colmar a devandita brecha, en particular a través dun instrumento comunitario específico.
Cabe lembrar que, con data 22 de xuño de 2022, a Comisión propuxo un regulamento sobre restauración da natureza para contribuír á recuperación a longo prazo da natureza danada en todas as zonas terrestres e mariñas da UE e alcanzar os obxectivos climáticos e de biodiversidade da UE. Segundo a Comisión, a nova lei traería importantes beneficios económicos, xa que cada euro investido xeraría da orde de 8 euros de beneficios.
Fonte: Parlamento Europeo