- Posiciónase como o programa máis ambicioso da historia da UE neste ámbito.
- Contribuirá ao progreso cara a unha economía máis limpa, circular, eficiente no uso de enerxía, de baixas emisións e resistente ao clima
Cerceda, a 5 de maio de 2021.- O Parlamento Europeo aprobou a pasada semana o acordo alcanzado cos Estados membros e mediante o cal se destinarán 5.400 millóns de euros do orzamento comunitario para sete anos a actividades ambientais (3.500 millóns) e climáticas (1.900 millóns), posicionándose o Programa LIFE 2021-2027 coma o proxecto máis ambicioso da UE neste ámbito.
Desta forma, LIFE, o único programa europeo dedicado en exclusiva á acción climática e ambiental, contribuirá ao progreso cara a unha economía máis limpa, circular, eficiente no uso de enerxía, de baixas emisións e resistente ao clima, para protexer e mellorar a calidade do medio ambiente, e deter e reverter a perda de biodiversidade.
Á hora de tomar decisións de financiamento, a Comisión deberá dar prioridade a proxectos que, entre outras cuestións, teñan un claro interese transnacional, o maior potencial de replicarse e máis posibilidades de executarse, tanto polo sector público coma polo privado, ou de atraer grandes investimentos.
O programa quere situar a acción climática no centro da política europea. Así, aspira a que o 30% do orzamento da Ue se invista en obxectivos climáticos. A biodiversidade ocupará un lugar prioritario: o 7,5% do orzamento anual irá a proxectos de biodiversidade a partir de 2024, unha porcentaxe que subirá ao 10% en 2027.
A Comisión deberá vixiar e informar sobre os principais obxectivos climáticos e de biodiversidade e seguir en detalle o gasto.
Cabe lembrar que o programa LIFE, que se puxo en marcha en 1992, xoga un papel esencial no desenvolvemento da lexislación e as políticas comunitarias neses ámbitos mediante o cofinanciamento de proxectos con valor engadido a nivel europeo.
Fonte e imaxe: Parlamento Europeo