-
As novas medidas pretenden reducir os residuos e reforzar o sector da reparación, para o que se facilitará o arranxo de bens a un prezo máis asequible
Cerceda, a 24 de abril de 2024.-O Parlamento Europeo aprobou esta semana reforzar o «dereito a reparar» dos consumidores. A nova normativa ten por obxecto apoiar o mercado da reparación na UE e reducir os custos para os consumidores, garantindo que os fabricantes presten servizos de reparación oportunos e rendibles, e informen aos consumidores sobre o seu dereito á reparación.
A garantía legal dos bens reparados poderá ampliarse un ano máis grazas á súa garantía de calidade, o que incentivará aínda máis aos consumidores para elixir a reparación en lugar da substitución. Unha vez expirada a garantía legal, o fabricante seguirá obrigado a reparar produtos domésticos comúns, como lavadoras, aspiradoras e mesmo teléfonos intelixentes. Con todo, a lista poderá ampliarse no futuro.
Así mesmo, os consumidores tamén poderán pedir prestado un dispositivo mentres o seu está a ser reparado ou optar por unha unidade reacondicionada como alternativa se a reparación non é posible.
Para facilitar a reparación, crearase unha plataforma europea en liña con seccións nacionais orientadas a axudar aos consumidores a atopar facilmente talleres de reparación locais, vendedores de produtos reacondicionados, compradores de artigos defectuosos ou iniciativas de reparación comunitarias.
Os fabricantes terán que poñer ao dispor das consumidores pezas de recambio e ferramentas a un prezo razoable, e non poderán recorrer a cláusulas contractuais e a técnicas relacionadas cos equipos ou os programas informáticos que impidan a reparación de bens. En concreto, non poderán impedir o uso de repostos de segunda man ou impresos en 3D por talleres de reparación independentes, nin negarse a reparar un produto unicamente por razóns económicas ou porque anteriormente foi reparado por terceiros.
A fin de que as reparacións sexan máis asequibles, cada Estado membro terá que aplicar alomenos unha medida para promovelas, como vales e fondos de reparación, levar a cabo campañas de información, ofrecer cursos de reparación ou apoiar espazos de reparación comunitarios.
Unha vez que Consello adopte formalmente a directiva e se publique no Diario Oficial da UE, os Estados membros disporán de vinte e catro meses para incorporala á lexislación nacional.
Contexto
Segundo a Comisión Europea, a eliminación prematura de bens de consumo produce 261 millóns de toneladas de emisións equivalentes de CO2, consome 30 millóns de toneladas de recursos e xera 35 millóns de toneladas de residuos na UE cada ano. Os consumidores tamén perden ao redor de 12.000 millóns de euros anuais ao substituír os bens en lugar de reparalos. A normativa debe impulsar o crecemento e o investimento en 4.800 millóns de euros.
Fonte e imaxe: Parlamento Europeo