Cerceda, a 18 de maio de 2023.- En días pasados, os eurodeputados deron luz verde ao proxecto de lei para mellorar a etiquetaxe e a durabilidade dos produtos e acabar coa publicidade enganosa.
Con 544 votos a favor, 18 en contra e 17 abstencións, o pleno aprobou a proposta dunha nova directiva que dotará aos consumidores de maior poder de decisión durante a transición ecolóxica. O seu principal obxectivo é axudalos a tomar decisións respectuosas co medio ambiente e alentar ás empresas para ofrecerlles produtos máis duradeiros e sostibles.
Prohibición de publicidade enganosa
O Parlamento vai defender nas negociacións do texto final que se prohiban reclamos xerais do tipo «respectuoso co medio ambiente», «natural», «biodegradable», «climaticamente neutro» ou «ecolóxico» se non están apoiados por probas específicas.
Tamén quere prohibir alegacións ecolóxicas baseadas unicamente en sistemas de compensación de carbono, así como outras prácticas enganosas do tipo facer afirmacións sobre un produto se só son certas sobre unha parte do mesmo, dicir que durará un certo período de tempo ou que pode usarse con certa intensidade, cando isto non sexa verdade.
Para simplificar a información sobre os produtos, a Eurocámara está a favor de que só se usen ecoetiquetas que teñan detrás uns sistemas de certificación oficiais ou apoiados pola Administración.
Loita contra a obsolescencia programada
Co obxectivo de promover produtos máis duradeiros, o Parlamento rexeita que se deseñen con características que reducen de entrada a súa vida útil ou provocan un mal funcionamento prematuro. Ademais, quere prohibir que os fabricantes limiten o funcionamento dun produto cando se utiliza con consumibles, pezas de reposto ou accesorios (como cargadores ou cartuchos de tinta) fabricados por outras empresas.
Para favorecer a compra de produtos máis duradeiros e reparables, os consumidores deben saber primeiro se poden ou non repararse, e de que maneira.
Así mesmo, a Eurocámara propón engadir unha nova etiquetaxe en relación coa garantía, que indique non só a duración da garantía legal obrigatoria, senón tamén a das posibles ampliacións ofrecidas polos fabricantes. A xuízo dos eurodeputados, unha etiquetaxe así faría destacar os produtos de calidade e sería un incentivo para as empresas á hora de ofrecer durabilidade.
Prevese que as negociacións entre o Parlamento e os Estados membros sobre o contido e a redacción definitivos da directiva comecen pronto.
Fonte e imaxe: Parlamento Europeo
Saúdos, Departamento de Comunicación