- As materias primas críticas son fundamentais para as transicións ecolóxica e dixital da UE, e garantir a súa subministración resulta crucial para a resistencia económica, o liderado tecnolóxico e a autonomía estratéxica da Unión Europea
Cerceda, a 11 de setembro de 2023.- A Comisión de Industria do Parlamento Europeo adoptou medidas para impulsar a subministración de materias primas críticas, cruciais para garantir a transición da UE cara a un futuro sostible, dixital e soberano.
O proxecto de Lei de Materias Primas Críticas, adoptado en días pasados por ampla maioría, reducirá a burocracia, fomentará a innovación ao longo de toda a cadea de valor, apoiará ás pemes e impulsará a investigación e o desenvolvemento de materias alternativas e métodos de extracción e produción máis respectuosos co medio ambiente.
O informe subliña a importancia de establecer asociacións estratéxicas entre Europa e terceiros países en relación con materias primas esenciais a fin de diversificar a subministración da UE, con beneficios para todas as partes. O texto achanda o camiño a asociacións a longo prazo con transferencia de coñecementos e tecnoloxía, formación e capacitación para novos empregos con mellores condicións laborais e salariais, así como extracción e procesamento cos mellores estándares ecolóxicos nos países socios.
O Parlamento tamén quere que se preste máis atención á investigación e á innovación sobre materiais substitutivos e procesos de produción que poidan reemprazar ás materias primas en tecnoloxías estratéxicas, ao tempo que establece obxectivos de circularidade para fomentar a extracción de máis materias primas estratéxicas a partir de residuos.
Transición ecolóxica e dixital
As materias primas críticas son fundamentais para as transicións ecolóxica e dixital da UE, e garantir a súa subministración resulta crucial para a resistencia económica, o liderado tecnolóxico e a autonomía estratéxica da Unión Europea.
Desde a guerra rusa contra Ucraína e cunha política comercial e industrial chinesa cada vez máis agresiva, o cobalto, o litio e outras materias primas convertéronse tamén nun factor xeopolítico.
Co cambio mundial cara ás enerxías renovables e a dixitalización das nosas economías e sociedades, agárdase que a demanda dalgunhas destas materias primas estratéxicas aumente rapidamente nas próximas décadas.
O proxecto lexislativo someterase a votación no pleno da Eurocámara durante a sesión plenaria que se celebrará en Estrasburgo.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pexels