- O Parlamento Europeo pide que se outorgue aos consumidores o «dereito a reparar», facendo as reparacións de produtos máis atractivas, sistemáticas e rendibles, e que se poña coto á obsolescencia programada.
Cerceda, a 30 de outubro de 2020.- O Comité de Mercado Interior do Parlamento Europeo aprobou unha resolución sobre un mercado único sostible para pedir á Comisión Europea que outorgue aos consumidores o «dereito a reparar», facendo as reparacións de produtos máis atractivas, sistemáticas e rendibles.
Tamén solicita á CE que considere etiquetar os produtos e servizos de acordo coa súa durabilidade, extremo que respaldaría os mercados de bens de segunda man e promovería prácticas de produción máis sostibles.
Segundo o Eurobarómetro, o 77% dos cidadáns da UE preferiría reparar os seus dispositivos en lugar de substituílos por outros novos, e o 79% pensa que se debería esixir aos fabricantes que faciliten a reparación dos dispositivos dixitais ou a substitución das súas pezas individuais.
Para facer fronte á obsolescencia programada, débese considerar a posibilidade de restrinxir as prácticas que acurtan intencionadamente a vida útil dun produto. Segundo os eurodiputados, as actualizacións de certos dispositivos dixitais deben continuar dispoñibles ao longo da súa vida útil estimada e non diminuír o seu rendemento.
Os eurodiputados presionan para que as compras públicas sexan máis sostibles, así como para que a comercialización e a publicidade sexan responsables e fomenten as opcións sostibles entre as empresas e os consumidores. Isto debería incluír directrices claras para os produtos que afirmen ser respectuosos co medio ambiente, coa axuda dunha maior certificación da etiqueta ecolóxica.
Ademais, o informe propón novas normas para a xestión dos residuos, incluída a eliminación dos obstáculos xurídicos que impiden a reparación, a reventa e a reutilización, o que tamén beneficiaría ao mercado de materias primas secundarias.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay