- Desde unha carpa localizada durante a mañá na contorna da Praza de Abastos, educadores de Sogama facilitaron explicacións aos transeúntes sobre a xestión sostible dos residuos, á vez que entregaron distinto material divulgativo
- Pola súa banda, representantes do penal, entre eles o director da Escola, Pedro Cantero, obsequiaron aos cidadáns que se achegaban á caseta con bolsas de tea fabricadas artesanalmente polos internos a partir de pantalóns vaqueiros e batas brancas, promovendo desta forma o máximo aproveitamento dos recursos
- “O futuro sostible está nas nosas mans” constitúe o lema desta campaña, que pon a guinda a varios anos de traballo conxunto entre ambas as dúas entidades co obxectivo de contribuír a canalizar a reinserción social a través do medio ambiente
Lugo, a 9 de xuño de 2022.- No marco do convenio de colaboración formalizado no seu momento entre Sogama e a Escola de Adultos do Centro Penitenciario de Monterroso, esta mañá, representantes de ambas as dúas entidades habilitaron, diante da Praza de Abastos lucense, un punto informativo e divulgativo, que estivo operativo de 10:00 a 14:00 horas, para dar a coñecer os pormenores dunha cooperación que foi crecendo aos poucos ao longo dos anos, pero que, debido ao impacto da pandemia, viuse obrigada a facer unha paréntese, reactivándoa de novo con esta acción.
Educadores ao servizo da Sociedade Galega do Medio Ambiente e representantes da Escola do penal monterrosino puxeron a guinda á última campaña xestada entre as partes e que consistiu na fabricación artesanal, por parte dos internos, e baixo a supervisión da mestra Lucía Rodill, de bolsas de tea a partir de pantalóns vaqueiros e batas brancas, que esta mañá repartiron gratuitamente entre os transeúntes.
O obxectivo era dar visibilidade ao seu traballo a través da reutilización de materiais fóra de uso para darlles unha nova vida, evitando que acaben no cubo do lixo e propiciando o aforro de enerxía e materias primas.
Ao mesmo tempo, este punto de encontro constituíu unha oportunidade para facer pedagoxía sobre a xestión sostible dos residuos urbanos e propiciar que os cidadáns tomen conciencia de que as malas prácticas de usar e tirar, propias da economía lineal, deben quedar atrás e dar paso ao máximo aproveitamento dos produtos, articulando mecanismos orientados cara á economía circular.
Non en van, esta iniciativa, bautizada orixinariamente co título “Segundas oportunidades”, adquiriu hoxe unha maior dimensión baixo o lema “O futuro sostible está nas nosas mans”, xa que o proxecto da Escola de Adultos constitúe todo un exemplo de sustentabilidade ao integrar os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) no programa curricular do centro, xunto coa educación en valores. O fin último é propiciar a reinserción social dos internos con garantías.
COLABORACIÓN AFIANZADA
Ao longo dos últimos anos, Sogama e o Centro Penitenciario mantiveron unha estreita cooperación no ámbito da educación ambiental que abarcou distintas facetas tales como a compostaxe da materia orgánica, dotando ao penal dunha serie de composteiros e vermicomposteiros para que os alumnos puidesen elaborar, a partir dos refugallos orgánicos, abono natural de calidade, que logo aplican nas hortas e xardíns do recinto, substituíndo aos fertilizantes artificiais.
Destaca tamén a construción, con botellas plásticas de auga fóra de uso, dun invernadoiro, e mesmo a publicación de dous libros: “El Huerto Ecológico”, no que se detallan as tarefas desenvolvidas polos usuarios para a obtención de distintos cultivos, e “Sabroso reciclaje”, no que se recollen un elevado número de receitas de cociña con sobras de comidas coa pretensión de difundir as bondades que trae consigo a redución do desperdicio alimentario.
O director da Escola de Adultos, Pedro Cantero, foi en todo momento o motor e artífice da meirande parte destas iniciativas, ás que tentou sacar o maior proveito posible en aras dun fin prioritario, e é que, máis aló dos muros dunha prisión, hai unha vida por vivir, pero respectando as normas, a única forma de garantir a convivencia.
Saúdos, Departamento de Comunicación