- Esta publicación do PNUMA ofrece aos líderes dos campus de todo o mundo novas ferramentas para facer que os seus centros sexan máis sostibles.
- As recomendacións contempladas na guía van desde a alimentación ata a reciclaxe e o transporte.
Cerceda, a 17 de setembro de 2020 - O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) lanzou unha nova publicación que, baixo o título “O pequeno libro dos empurróns verdes”, ten por obxecto inspirar a millóns de estudantes en todo o mundo a adoptar hábitos ecolóxicos e estilos de vida máis sostibles.
O libro é o primeiro do PNUMA sobre ciencias do comportamento e está baseado na “teoría do empurrón”, un concepto da economía conductual que se centra nos pequenos impulsos que necesitan as persoas para tomar decisións que lles beneficien a longo prazo.
A publicación aglutina 40 medidas simples que facilitan a toma de decisións ecolóxicas e que os campus universitarios poden implementar para alentar aos estudantes e ao persoal a adoptar comportamentos máis sostibles.
O PNUMA compartirá os principais achados da publicación con líderes dalgunhas das mellores universidades do mundo durante o Cume Académico Mundial.
O pequeno libro dos empurróns verdes contén unha guía con recomendacións tales como:
- Alimentación. Usar descricións atractivas para pratos vexetarianos. Un estudo na cafetería dunha universidade concluíu que describir as verduras en termos atractivos contribuíu a aumentar nun 25% o número de comensais que as elixiron.
- Reciclaxe. Facer que os contedores de recollida selectiva sexan atractivos e fáciles de usar. Un estudo atopou que o uso de contedores con tapas deseñadas especialmente para cada tipo de residuo aumentou a taxa de reciclaxe de envases de bebidas nun 34%.
- Residuos. En cafeterías, ofrecer pratos máis pequenos e sen bandexas para desalentar o desperdicio de alimentos. Un estudo realizado no comedor dunha universidade descubriu que non ter bandexa conducía a unha diminución significativa de lixo.
- Transporte. Facilitar o aparcamiento de bicicletas e, ao mesmo tempo, facer que o estacionamento de automóbiles sexa máis complicado; por exemplo, ao esixir que as persoas deban solicitar con frecuencia permisos para aparcar os seus vehículos.
- Compartir. Configurar un sistema para compartir a comida que non sexa consumida en reunións ou eventos. Unha universidade creou un grupo para compartir alimentos que evitou que se desperdiciaran máis de 7.000 kg de comida.
O PNUMA está colaborando con institucións de educación superior de todo o mundo para realizar probas piloto nos seus campus. Xa se sumaron ao programa 20 universidades, incluídas a Universidade de Chile, a Universidade de Nairobi, a Universidade de Tsukuba en Xapón e a Universidade de California en Berkeley, e moitas máis uniranse nos próximos meses.
Agora que o COVID-19 está levando aos centros educativos a reformular procesos e rutinas, considérase que é o momento axeitado para facer dos campus lugares máis seguros e sostibles.
A adopción de incentivos ecolóxicos tamén podería facer que as universidades atraian a máis estudantes que buscan asistir a institucións onde se comparten os seus valores.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay