- A través do mesmo recoñécese a persoas, grupos e organizacións cuxas accións teñen un impacto transformador no medio ambiente.
- O prazo para as nominacións concluirá o próximo 12 de febreiro.
Cerceda, a 8 de febreiro de 2021.– A Organización das Nacións Unidas (ONU) lanzou a convocatoria para as nominacións ao premio Campións da Terra, o máximo galardón do organismo mundial para individuos e organizacións que están salvagardando o noso medio ambiente e transformando as nosas sociedades.
Durante os últimos 15 anos, este premio destacou o labor de organizacións e persoas que dedicaron as súas vidas a traballar por un planeta máis saudable, máis xusto e máis sostible.
Os galardonados van desde xefes de Estado e activistas comunitarios ata representantes da industria e científicos pioneiros. O prazo para as nominacións estará aberto ata o próximo 12 de febreiro.
En 2020 houbo máis nominacións que nunca, o que reflicte o crecente interese no tema, así coma o número de persoas que están defendendo o medio ambiente.
Os Campións da Terra de 2020 foron, por orde alfabético:
O primeiro ministro de Fiji, Frank Bainimarama, recoñecido na categoría de Liderado Político polo seu traballo na acción climática global e o seu compromiso co desenvolvemento nacional sensible ao clima.
O Dr. Fabian Leendertz, de Alemaña, distinguido na categoría de Ciencia e Innovación polos seus descubrimentos en zoonótica e o seu traballo no enfoque Unha soa Saúde.
Mindy Lubber, de Estados Unidos, recoñecida na categoría Visión Emprendedora polo seu compromiso para reverdecer os mercados de capital mediante a monilización dos principais inversores e empresas, e a defensa do argumento económico detrás da acción climática e a sostibilidade.
Nemonte Nenquimo, de Ecuador, premiada na categoría Inspiración e Acción polo seu liderado e traballo unificador coas comunidades indíxenas que detiveron as actividades extractivas en zonas da Amazonía ecuatoriana.
Yacouba Sawadogo, de Burkina Faso, tamén é galardonado na categoría Inspiración e Acción por ensinar a agricultores de África a súa solución baseada na natureza para rexenerar os slos e converter terras baldías en zonas cultivables e bosques.
Aos campións do pasado ano súmase o profesor Robert D. Bullard, de Estados Unidos, que recibiu o premio na categoría Traxectoria de Vida polo seu compromiso e servizo coa xustiza ambiental.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pexels