- A través dun novo informe invita ao investimento en empresas que adopten un enfoque máis sostible de produción e consumo.
- A transición cara a un modelo de desenvolvemento circular podería xerar oportunidades comerciais de negocio á vez que se protexe a saúde dos ecosistemas.
Cerceda, a 2 de novembro de 2020.- Segundo un novo informe da Iniciativa Financeira do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP FI), o sector financeiro pode apoiar a economía circular ao garantir que os patróns de consumo e produción das empresas nas que inviste fagan un uso máis eficiente dos recursos e minimicen os residuos, a contaminación e as emisións de carbono.
A transición cara á circularidade abriría novas áreas de negocio, á vez que axudaría a alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), protexer a saúde dos ecosistemas e permitir a recuperación sostible trala pandemia do COVID-19.
Os bancos, as aseguradoras e os inversores poden desempeñar un papel fundamental ao proporcionar ás empresas produtos financeiros que contribúan á economía circular, a conservar os recursos naturais e a evitar ou reducir o desperdicio.
A xuízo de Inger Andersen, directora executiva do PNUMA, “A recuperación económica da pandemia do COVID-19 é unha oportunidade para estimular a transición urxente cara a un consumo e unha produción máis sostibles. Necesitamos tanto ao sector público como ao privado para transformar as nosas economías co fin de que aborden o cambio climático, reduzan a contaminación e melloren a eficiencia dos recursos”.
As institucións financeiras enquisadas para o informe recoñecen que existen oportunidades para impulsar a circularidade nos sectores de edificios e construción, alimentos e agricultura, e produtos químicos e electrónicos en particular. O informe explora igualmente as transicións que xa están en marcha nestes ámbitos, así como nas áreas de manufactura, vestiario e moda, minería e enerxía, e innovación transversal en materias como a tecnoloxía dixital.
RECOMENDACIÓNS
O estudo describe unha serie de recomendacións para que as institucións financeiras impulsen a circularidade: integrala nas súas estratexias comerciais centrais e aumentar a súa avaliación dos criterios ambientais, sociais e de gobernanza; establecer obxectivos sobre a eficiencia de recursos; reorientar os préstamos e os investimentos cara a tecnoloxías máis sostibles e financiar modelos comerciais innovadores; facer da circularidade financeira un motivo de exclusión en lugar dunha alternativa voluntaria nos instrumentos financeiros convencionais; avaliar como o financiamiento da circularidade pode contribuír á implementación de marcos clave da industria financeira, como os Principios de Banca Responsable e os Principios para a Sostibilidade en Seguros da Iniciativa Financeira do PNUMA.
O documento destaca exemplos de innovación na circularidade financeira como é o caso dun bono de sostibilidade emitido polo banco italiano Intesa Sanpaolo, en colaboración coa Fundación Ellen MacArthur, para financiar proxectos e negocios baixo unha liña de crédito de € 5.000 millóns.
Fonte: ONU Medio Ambiente
Imaxe: Pixabay