- A Autoridade Portuaria foi recepcionando os refugallos que os barcos transportan nas súas redes ata terra, trasladándoos a un compactador para, posteriormente, entregalos a xestores autorizados e poñelos en valor.
Cerceda, a 23 de xuño de 2020.- A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, xunto coa flota pesqueira do Porto, efectuou recentemente unha nova retirada de lixo dos fondos mariños, concretamente 5.340 quilos de residuos procedentes dos caladeiros de arrastre da costa atlántica galega e a profundidades superiores a 100 metros. Esta cifra, sumada a dúas retiradas anteriores, fai un total de 18.620 quilos recollidos en tan só 6 meses.
A Autoridade Portuaria foi recepcionando os refugallos que os barcos transportan nas súas redes ata terra, trasladándoos a un compactador para, posteriormente, entregalos a xestores autorizados. Con tal fin, sepárase por tipoloxías todo o material que pode ser valorizable para os proxectos nos que participa o Porto. É o caso de Repesca Plas 3 e ML Style, en colaboración co CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar), entre outros organismos e empresas.
A recollida de lixo mariño por parte da flota do porto de Marín constitúe unha actividade que dá continuidade aos proxectos medioambientais “Nada pola borda” e “Pescal”, xa concluídos oficialmente, pero que a Autoridade Portuaria decidiu manter en colaboración con OPROMAR e a firma marinense Casercan.
Neste sentido, cabe recordar que o Porto de Marín é pioneiro en proxectos medioambientais relacionados coa retirada e xestión sostible do lixo mariño. Así mesmo, e contando coa colaboración das entidades da comunidade portuaria, continúa cos procesos de recollida selectiva doutros residuos de carácter portuario tales como plásticos de embalaxes, pilas, poliexpan, redes, envases lixeiros e papel e cartón a fin de poñelos en valor e transformalos en recursos.
Fonte: Autoridade Portuaria de Marín
Imaxe: Pixabay