- Trátase de refugallos moi voluminosos e pesados tales como marañas de aparellos, cables de aceiro e unha importante cantidade de neumáticos, entre outros.
- Esta actuación de rexeneración dos fondos está contemplada na estratexia de Crecemento Azul da Autoridade Portuaria de Vigo, recoñecida a nivel mundial e exemplo a seguir para outros países.
Cerceda, a 12 de xaneiro de 2021.- Como continuación ás limpezas realizadas ao longo do pasado ano en diversas dársenas do Porto de Vigo, nas que se retiraron preto de medio centenar de toneladas de residuos, a Autoridade Portuaria concluíu as previstas na zona do Peirao de Reparacións e a dársena nº 1 de Bouzas.
Tras catro intensas xornadas de traballo, lográronse retirar preto de 30 toneladas de residuos moi voluminosos e pesados tales como marañas de aparellos, cables de aceiro e unha importante cantidade de neumáticos, entre outros. Así mesmo, rescatáronse estruturas metálicas, cabos, pezas de desguace (chapas metálicas e plásticas, restos de motores, tubos de plástico, baterías, tres botellas de gas a presión) e varios sacos de pilas. Prácticamente o 100% dos materiais recollidos puideron ser valorizados.
Trátase dunha actuación de rexeneración dos fondos contemplada na estratexia de Crecemento Azul da Autoridade Portuaria de Vigo, recoñecida a nivel mundial e exemplo a seguir para outros países.
O obxectivo deste plan de acción non é outro que o de recuperar os fondos, moi deteriorados debido ao seu pasado urbano e industrial, propiciando desta forma a súa colonización de biota e a captación de CO2.
Se ben estes labores supuxeron un importante esforzo de investimento para a Autoridade Portuaria de Vigo, parte dos custos conseguíronse cubrir con fondos europeos e fondos privados. A entidade pide aos usuarios das dársenas a súa total colaboración para mantelas limpas e en perfecto estado de conservación.
Fonte: Autoridade Portuaria de Vigo
Imaxe: Pixabay