- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse hoxe cos municipios adheridos á planta de compostaxe da Xunta localizada en Cerceda
- Ángeles Vázquez subliña que mentres as entidades locais de toda a UE terán ata o 31 de decembro de 2023 para introducir a recollida da fracción orgánica, a nova Lei de residuos estatal reduce este prazo en ano e medio e prevé multas de ata 100.000 €
- Desde a súa posta en marcha no ano 2020, a planta de biorresiduos de Sogama en Cerceda xa recibiu preto de 1.000 toneladas de materia orgánica de moi boa calidade
A Laracha (A Coruña), 27 de maio de 2022.- A Xunta de Galicia advertiu hoxe de que o prazo fixado por lei polo Goberno central para implantar o contedor marrón para a recollida de biorresiduos, que finaliza o vindeiro 30 de xuño, resulta “totalmente inasumible” para a maior parte dos concellos de máis de 5.000 habitantes.
No marco dunha reunión cos concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Cerceda, Santa Comba e Arteixo, que teñen implantada xa a recollida da fracción orgánica, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou que a Lei de residuos estatal —en vigor desde o pasado 10 de abril— introduce prazos “moito máis restritivos” que os fixados pola UE para realizar esta transición.
Así, explicou que a directiva comunitaria sobre residuos fixa como límite o 31 decembro de 2023 para que todas as entidades locais europeas cumpran con esta obriga. Sen embargo, engadiu que, “voluntaria e inexplicablemente”, o Executivo central decidiu acurtar en ano e medio estes tempos no caso dos municipios de máis de 5.000 habitantes, tal e como se recolle na nova Lei de residuos estatal.
Ademais, subliñou que os concellos que dentro de pouco máis dun mes non logren acreditar que contan xa cunha recollida selectiva da súa fracción orgánica se enfrontarán a sancións económicas de ata 100.000 euros xa que, segundo explicou, a propia norma fixa como infracción grave o incumprimento desta obriga.
Tras lembrar que a Xunta presentou no seu dia alegacións ao proxecto lexislativo para opoñerse ao adianto do calendario establecido pola UE, Ángeles Vázquez lamentou a actitude do Goberno central, que seguiu adiante a pesar das advertencias reiteradas da Xunta e mesmo da Fegamp sobre as dificultades que terían as entidades locais para cumprir cos obxectivos en materia de biorresiduos en moito menos tempo do previsto.
Fronte a esta decisión “unilateral” por parte do Executivo estatal, a conselleira subliñou que o Goberno galego redactou unha Lei de residuos autonómica “acorde e coherente” coa directiva marco comunitaria e impulsou tamén a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais, cun orzamento de 60 millóns de euros e destinada a garantir que a gran maioría dos 295 concellos adscritos a Sogama dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
UNHA REDE CON 17 INSTALACIÓNS
A tal fin, deseñouse unha rede de infraestruturas composta por 17 instalacións —4 dirixidas ao tratamento dos residuos orgánicos e 13 plantas de transferencia cunha tolva específica para recoller estes residuos—.
Unha delas é a planta de biorresiduos de Sogama en Cerceda, en funcionamento desde o ano 2020 e coa que actualmente teñen subscrito un convenio os cinco concellos coruñeses cos que se reuniu esta mañá a conselleira.
Neste sentido, a responsable autonómica indicou que ata o momento estas instalacións xa recibiron unha achega de preto de 1.000 toneladas de materia orgánica.
Tras indicar que as achegas aínda son modestas en cantidade, dixo que a calidade do material recibido é “moi boa” xa que segundo as caracterizacións realizadas por Sogama, a porcentaxe de elementos propios —é dicir, materiais que deben depositarse no contedor marrón, como restos de alimentos e xardinería—oscila entre o 95% e o 98%.
Conseguir estes resultados, en todo caso, non foi un proceso fácil. Tras poñer aos concellos presentes hoxe “como exemplo” para o resto de Galicia e felicitalos polo esforzo realizado, Ángeles Vázquez explicou que para implantar o quinto contedor estes municipios tiveron que reestruturar o seu servizo de recollida de lixo co fin de incorporar a nova fracción dunha forma eficaz.
Un proceso de adaptación, indicou, que require modificar contratos ou mesmo sacar novos concursos, mobilizar máis recursos económicos e dispoñer do tempo necesario para levalo a cabo, circunstancias que, tal e como dixo, o Goberno central “ignorou” cando decidiu impoñer por lei requisitos temporais moito máis restritivos que os da propia UE.
Por Último, tras lembrar que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, a conselleira indicou que, en todo caso, a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario a través da referida estratexia.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda