- Estes premios recoñecen produtos e innovacións destacadas no uso circular dos plásticos en Europa.
Cerceda, a 24 de febreiro de 2022.- O prazo para a presentación de candidaturas aos Plastics Recycling Awards Europe 2022, a través dos cales se recoñecen produtos e innovacións destacadas no uso circular dos plásticos, pechará o próximo 7 de marzo.
Estes premios están abertos á participación en sete categorías: produto de automoción, eléctrico ou electrónico; produtos para a construción; produtos para o fogar e o lecer; produto de embalaxe de plástico; produto de innovación tecnolóxica; innovación en maquinaria de reciclaxe, e embaixador da reciclaxe de plásticos.
Poderán optar aos mesmos os propietarios de marcas, fabricantes de produtos de plástico, comerciantes polo miúdo, deseñadores de produtos, produtores de envases, materias primas e máquinas de reciclaxe de plásticos, así coma os provedores de produtos de plástico reciclado de toda a cadea de valor.
Os finalistas preseleccionados anunciaranse nunha cerimonia en liña que se celebrará en abril, e os gañadores recibirán os seus galardóns o segundo día da feira Plastics Recycling Show Europe ( PRSE), que terá lugar no RAI de Ámsterdam do 22 ao 23 do próximo mes de xuño. Todos os finalistas expoñeranse nunha área de exhibición en PRSE.
REQUISITOS
Para poder optar a un premio, as candidaturas deben cumprir unha serie de requisitos:
- Deben ser deseñadas, desenvolvidas ou fabricadas en Europa, e deben ser produtos acabados.
- Os produtos deben estar fabricados con plásticos reciclados posconsumo/ poscomercial/ posindustrial.
- Deben ter alomenos un 50% de contido reciclado.
- Deben estar fabricados con plásticos convencionais (sen incluír o contido biodegradable ou oxodegradable).
- Deben ser reciclables.
Os Plastics Recycling Awards Europe están organizados conxuntamente por Plastics Recyclers Europe e Crain Communications.
Fonte e imaxe: Plastics Recycling Awards Europe