- Con este encontro, dáse resposta ao interese manifestado pola conselleira de Medio Ambiente durante a súa viaxe ao país danés para que os responsables de ambas as dúas entidades mantivesen un encontro técnico no que compartir as súas particularidades e estudar posibles sinerxías
- A delegación galega aproveitará a xornada para ter unha reunión coa Axencia danesa de Medio Ambiente e recabar así datos concretos sobre o marco legal da xestión de residuos nese país
- A axenda inclúe tamén unha visita á planta de recuperación de escouras de AFATEK
Cerceda, a 9 de maio de 2022.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, e a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Sagrario Pérez Castellanos, viaxan a Dinamarca, acompañados por técnicos da empresa pública, co obxectivo de coñecer in situ a actividade da planta de valorización enerxética de CopenHill, en Copenhague.
Trátase dunha infraestrutura pública que, ademais de proporcionar luz e calor á poboación mediante a conversión dos residuos non reciclables en enerxía (seguindo o modus operandi de Sogama), tamén foi concibida como área social e de lecer, contando para isto con pistas de esquí na cuberta, un rocódromo artificial na súa fachada (o máis alto do mundo) e camiños bordeados de árbores.
Con este encontro entre a planta danesa e a galega, que se celebrará o 9 de maio, dáse resposta ao interese manifestado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a súa viaxe a Dinamarca, que tivo lugar o pasado mes de novembro, posibilitando que os responsables de ambas entidades poñan en común as particularidades de cada modelo de xestión de residuos e estuden posibles sinerxías.
Neste sentido, é preciso lembrar que as dúas infraestruturas industriais destacan pola súa modernidade e alta eficiencia, así como pola incorporación aos seus procesos das últimas tecnoloxías dispoñibles, o que lles permite levar a cabo unha xestión punteira e sostible dos residuos urbanos, logrando compatibilizar a actividade industrial coa protección do medio ambiente e a saúde.
Logo da visita á planta de CopenHill, tamén coñecida como Amager Bakle, a delegación de Galicia trasladarase á sede de State of Green, unha asociación público-privada sen ánimo de lucro cuxo labor se orienta ao fomento das relacións internacionais para identificar puntos de encontro que contribúan á transición verde. Alí reuniranse con membros da Axencia danesa de Medio Ambiente, os cales explicarán o marco legal da xestión e tratamento dos residuos municipais no seu país.
A xornada concluirá cunha visita a AFATEK, unha instalación de recuperación de escouras onde se separan o 90% dos metais presentes nas mesmas para propiciar o seu posterior reciclado, reutilizando o resto como grava de escoura, que pode substituír grava recén extraída na construción de estradas, por exemplo.
Saúdos, Departamento de Comunicación