- Foi adxudicada por un importe superior a 1,1 millóns de euros e localizarse no polígono industrial de Racela, no municipio pontevedrés da Lama
- Substituirá á microplanta que leva anos funcionando nesta localidade co fin de dar un mellor servizo aos concellos adscritos á mesma
- Ademais de transferir a bolsa amarela e a bolsa negra, a nova instalación estará preparada para acoller a materia orgánica recollida a través do quinto contedor, de cor marrón
- Prevese que entre en funcionamento no último trimestre do ano en curso
A Lama, a 7 de febreiro de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, e o alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, visitaron esta mañá a obra da nova planta de transferencia que substituirá á microplanta, operativa neste municipio pontevedrés desde fai anos.
A instalación, que contará cunha capacidade para máis de 5.000 toneladas anuales, levantarase no polígono industrial de Racela, nunha parcela de case 2.300 m2, e dará servizo aos concellos de Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.
A nave contará cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores (con capacidade para dous), un aparcamento de contedores e unha depuradora de augas residuais. Así mesmo, autoabastecerase enerxeticamente con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
A nova infraestrutura, cuxa obra foi adxudicada por un importe superior a 1,1 millóns de euros, permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón. En todo caso, a previsión é que entre funcionamento no último trimestre deste ano.
APOIO AOS CONCELLOS PARA CUMPRIR A LEI
A planta da Lama integrarase na rede de infraestruturas promovida pola Xunta de Galicia para axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias na xestión dos residuos urbanos, a cumprir coas súas obrigas legais, xa que deben ter implantado o contedor marrón para a recollida da fracción orgánica antes do 31 de decembro de 2023.
Esta rede, cofinanciada polos Fondos FEDER con 30 millóns de euros como resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19, estará conformada por 4 plantas de biorresiduos (unha en funcionamento –a de Cerceda- e tres que se construirán en Cervo, Vilanova de Arousa e Verín), así como por 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica e o seu posterior transporte á planta de biorresiduos máis próxima.
Desta forma, a meirande parte dos concellos galegos terán unha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Saúdos, Departamento de Comunicación