- Cun investimento de case 1,2 millóns de euros, constrúese no polígono industrial de Teixeiro e substituirá á actual microplanta, gañando en capacidade (ata 17.000 toneladas/ano), eficiencia e funcionalidade.
- Ademais de transvasar os residuos dos contedores amarelo e xenérico, a instalación contará cunha tolva específica para a materia orgánica recollida a través do contedor marrón, que os concellos deberán implantar antes do 31 de decembro de 2023.
- Esta planta integrarase na rede de infraestruturas activada pola Xunta para a valorización da materia orgánica, estando conformada por 4 plantas de biorresiduos e 13 de transferencia.
Curtis, a 4 de maio de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, e o alcalde de Curtis, Javier Caínzos Vázquez, visitaron hoxe as obras da nova planta de transferencia da localidade, á que se destina un investimento de case 1,2 millóns de euros, e que substituirá á microplanta que actualmente está en servizo.
A nova instalación gañará en capacidade —chegando ata as 17.000 toneladas anuais—, eficiencia e funcionalidade, xa que, ademais de transvasar as fraccións de residuos correspondentes ao contedor amarelo (envases de plástico, latas e briks) e xenérico (resto), poderá acoller a materia orgánica recollida a través do contedor marrón.
Estase a construír no polígono industrial de Teixeiro, nunha parcela de case 8.000 m2. Contará cunha nave de 600 m2, unha zona verde de aproximadamente 1.300 m2, e estará equipada cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación con capacidade para tres contedores, un aparcamento para estes e un edificio destinado a oficina, vestiario e almacén.
Así mesmo, e co fin de reducir a dependencia dos combustibles fósiles e apostar polo uso de enerxías máis respectuosas co medio ambiente, alimentarase con enerxía solar, fomentando desta forma o autoconsumo a través de paneis fotovoltaicos.
Aínda que, inicialmente, dará servizo aos concellos de Sobrado dos Monxes e Vilasantar, ademais do de Curtis, estará ao dispor doutros 15 municipios máis.
MARCO EUROPEO E REDE DE INFRAESTRUTURAS
No marco das directrices europeas, os entes locais galegos quedan obrigados a implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do denominado quinto contedor, de cor marrón.
Se ben se trata dunha competencia municipal, a Xunta activou unha rede de infraestruturas para que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295 en total), dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Á planta de compostaxe de Cerceda –xa en operación- sumaranse tres máis: Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense). Estas catro plantas estarán apoiadas por 13 de transferencia, entre estas a de Curtis, que contarán cunha tolva específica para transvasar a materia orgánica.
A esta rede destinarase un investimento de 40 millóns de euros, dos cales un total de 30 millóns proceden do Fondo de Cohesión como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.
Saúdos, Departamento de Comunicación