- O galardón foi recollido polo director do centro, José Manuel Valcarce López, no transcurso da gala de clausura do programa radiofónico de corte ambiental Ecovoz, promovido pola Corporación Voz de Galicia.
- O xurado valorou o compromiso do centro sarriano co medio ambiente pero, sobre todo, coa educación en valores, que vai máis aló do ámbito académico inculcando a importancia da limpeza, a orde, o civismo, a empatía e a solidariedade.
- Un instituto exemplar que, de forma silenciosa, e ao longo xa de moitos anos, veu traballando na formación integral dos seus alumnos aspirando a que poidan converterse en adultos responsables e consecuentes o día de mañá.
Cerceda, a 20 de xuño de 2019.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, entregou onte, no transcurso da gala de clausura do programa radiofónico de corte ambiental Ecovoz, promovido pola Corporación Voz de Galicia, o premio “Ecovaledor” ao IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo).
O galardón foi recollido polo director deste centro educativo, José Manuel Valcarce López, quen mostrou o seu máis sincero agradecemento polo recoñecemento cara a un plan de acción que no instituto de Sarria levan a cabo desde fai anos para aportar o seu gran de area á protección ambiental.
A vicedirectora deste instituto, Sonia Cantalapiedra, explicou en Ecovoz, as actividades que están levando a cabo e que o xurado deste espazo radiofónico quixo enxalzar dada a súa singularidade e carácter exemplar. Porque, máis aló da preservación do patrimonio natural, o medio ambiente constitúe unha área transversal no currículo académico deste centro que permite traballar outros valores de gran calado tales como o compañeirismo, o labor en equipo, a empatía, a solidariedade e a boa convivencia.
Neste instituto de Sarria, non só se estuda Matemáticas, Lingua, Música ou Ciencias. Estúdase tamén civismo, cun esforzo adicional ao puramente académico a través do cal se quere formar a futuros adultos responsables, comprometidos e consecuentes.
EDUCACIÓN INTEGRAL
A limpeza constitúe o punto de partida. De aí que conten desde fai anos cun concurso denominado “Aulas limpas”, no que tamén se implica ao persoal de limpeza, que se encarga de vixiar, analizar e calificar o grao de limpeza e orde en todas e cada unha das aulas, tendo un gran peso o seu ditame final.
As aulas máis pulcras son recoñecidas cun diploma e algún que outro obsequio, un premio que lles estimula a seguir aplicando o civismo. Impulsan así un estilo de vida no que se prima o coidado da saúde, o exercicio físico, a alimentación equilibrada e a calidade de vida, e todo itso en perfecta harmonía coa conservación da contorna.
As campañas medioambientais no Xograr Afonso Gómez son continuas, traballando temáticas tales como a correcta xestión dos residuos, a reciclaxe, a mobilidade sostible, a loita contra o cambio climático, as enerxías renovables e a economía circular, entre outras. E todo isto ligado a encomiables accións sociais a través de colaboracións con Cáritas ou os Bancos de Alimentos para axudar aos máis necesitados.
Este esforzo ten o seu eco a través das ondas no seu programa radiofónico semanal en “Radio Xograr”, que emiten todos os venres, retransmitindo as principais novidades vinculadas ao instituto e nutrindo a súa particular escaleta con música en directo, entrevistas, monólogos, humor, etc.
O premio Ecovaledor non é só un recoñecemento ambiental, é o recoñecemento á paixón pola educación en valores coma a que practica o IES Xograr Afonso Gómez.
Desde Sogama, os nosos máis sinceros parabéns e admiración.
Saúdos, Departamento de Comunicación