- Esta titulación foi recentemente galardonada e distinguida a través da Mención de Excelencia 2020-2025 da Xunta de Galicia, coa que se acredita o seu alto nivel académico e solvencia científico-técnica, representando igualmente unha garantía de futuro para os seus estudantes.
- Cun percorrido de 15 anos, este Máster caracterízase polo seu espírito innovador, pois xa en 2005 foi a primeira titulación que estableceu prácticas obrigatorias en empresas.
- Sogama vén colaborando con esta titulación a través da acollida de alumnos/as en prácticas, e precisamente Javier Domínguez actuou de padriño durante o acto de graduación do ano 2015.
Cerceda, a 17 de novembro de 2020.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi invitado pola Universidade de Santiago de Compostela para formar parte do Comité Externo do Máster en Enxeñería Ambiental, recentemente galardonado e distinguido coa Mención de Excelencia 2020-2025 da Xunta de Galicia.
Conformado por profesionais do ámbito da empresa, a industria e a administración, o comité configúrase como un foro que permite achegar esta titulación a diversos ámbitos, tendo a oportunidade de expoñer as súas actividades e propostas, discutir metodoloxías e propostas, etc.
Con máis de 200 Másteres na nosa comunidade, tan só tres foron recoñecidos con esta Mención, sendo o de Enxeñería Ambiental, do que é coordinador o Catedrático Francisco Omil, á súa vez membro do Instituto CRETUS, o único da USC en alcanzar este logro.
Con este selo de calidade, que ten unha vixencia de cinco cursos académicos, podendo ser renovado por períodos sucesivos coa mesma duración, acredítase o seu alto nivel académico e solvencia científico-técnica, representando igualmente unha garantía de futuro para os estudantes.
INNOVACIÓN, COÑECEMENTO E PANEL DOCENTE DE ALTO NIVEL
Cun percorrido de 15 anos, este Máster caracterízase polo seu espírito innovador, pois xa en 2005 foi a primeira titulación que estableceu prácticas obrigatorias en empresas. Sogama vén colaborando con esta titulación desde fai varios anos a través da acollida de alumnos/as en prácticas. Javier Domínguez actuou de padriño durante o acto de graduación do ano 2015.
O panel de profesores/as é excepcional, tndo sido seleccionados pola súa actividade investigadora, docente e amplos contactos con empresas
Se ben este Máster presenta uns indicadores moi positivos, os seus promotores queren darlle un impulso a través de novas accións a poñer en marcha. É o caso, entre outras, da inminente reforma do plan de estudos, o establecemento de alianzas con universidades estratéxicas do norte de Europa e América Latina ou a organización dun Foro Anual de empresas ambientais.
O Máster consta de 90 ECTS ao longo de 18 meses e as materias a impartir distribúense en 7 áreas de 2-3 meses de duración: Fundamentos, tratamento de augas, monitorización e redución da contaminación atmosférica, recuperación de solos e xestión de residuos, prácticas externas, xestión ambiental e traballo final.
Está orientado a graduados ou titulados en enxeñerías (técnicas e superiores), Arquitectura e Ciencias, e impártese na Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC, aínda que incorpora docencia telemática baseada no uso do Campus Virtual.
Saúdos, Departamento de Comunicación