-
Convidado pola Fundación Fórum Ambiental, Javier Domínguez intervirá o vindeiro 20 de maio no III Encuentro ESGREM (Entes Supramunicipales para la Gestión de Residuos Municipales), que terá lugar no Complexo Medioambiental de Gipuzkoa (GHK)
-
Farao no marco dunha mesa redonda sobre o tratamento previo da fracción resto, que compartirá coa xerente de Cogersa, o xerente dos Consorcios de Valencia Interior e de Ribera i, e un representante do Consell de Mallorca
Cerceda, a 15 de maio de 2024.- O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, convidado pola Fundación Fórum Ambiental, viaxará a Donostia-San Sebastián, para participar no III Encuentro ESGREM (Entes Supramunicipales para la Gestión de Residuos Municipales) que, baixo o título “Hacia una gestión avanzada de los residuos municipales”, terá lugar os vindeiros días 20 e 21 de maio, no Complexo Medioambiental de Gipuzkoa (GHK).
Tratamento previo da fracción resto
Durante a primeira xornada do evento, que será inaugurado por José Ignasio Asensio, Deputado de Sostibilidade da Deputación Foral de Gipuzkkoa e Presidente de GHK, e Leandro Barquín, director da Fundación Fórum Ambiental, coordinadora de ESGREM, abordaranse diferentes temáticas tales como a situación da recollida separada de biorresiduos, con algunhas mancomunidades que están a servir de exemplo, a corresponsabilidade cidadá na xestión e tratamento de residuos municipais, a introdución da perspectiva de xénero no sector e o tratamento previo da fracción resto. E é precisamente neste último bloque, que estará moderado por César Gimeno, director xeral do Consorcio de Residuos de Gipuzkoa (GHK) no que intervirá Domínguez Lino, xunto coa xerente de Cogersa, Paz Orviz, o xerente dos Consorcios de Valencia Interior e de Ribera i Valldigna, Ángel Rodríguez, e un representante do Consell de Mallorca.
O obxectivo é poñer sobre a mesa os distintos modelos de explotación existentes en España que axuden na toma de decisións doutros territorios que aínda utilizan o vertedoiro como forma prioritaria de eliminación de residuos.
As análises elaboradas por ESGREM e centros de coñecemento europeos mostran que a recollida separada por si soa non será suficiente para acadar os obxectivos de reciclaxe. As plantas de tratamento da fracción resto deberán aumentar notablemente a recuperación de materiais reciclables, unha estratexia que Sogama xa asumiu en 2018 ao poñer en marcha unha planta destas características, que opera en liña coa industria 4.0, e na que se consegue separar, do lixo en masa, moitos dos residuos potencialmente reciclables depositados polos cidadáns no contedor de resto, cando o seu destino deberían ser outros contedores de recollida selectiva.
Sobre Fórum Ambiental e ESGREM
Fórum Ambiental é unha entidade sen ánimo de lucro, con cobertura nacional, constituída como plataforma de diálogo e colaboración entre empresas, administracións e resto da sociedade, coa finalidade de avanzar conxuntamente cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible.
Pola súa banda, ESGREM (Entes Supramunicipales para la Gestión de Residuos Municipales) é un grupo de traballo, coordinado pola Fundación Fórum Ambiental, creado para potenciar e formalizar a cooperación e coordinación das entidades locais supramunicipais dedicadas á xestión de residuos en España, que acumulan un coñecemento e experiencia únicos sobre a realidade desta xestión.
ESGREM conta hoxe conta con 35 entidades adscritas (consorcios, mancomunidades comarcas, consells insulars, deputacións e áreas metropolitanas) repartidas por toda a xeografía española e que dan servizo a máis de 21 millóns de persoas.
Saúdos, Departamento de Comunicación