- A instalación, adxudicada á UTE PREZERO por 15,1 M€, estará culminada no terceiro trimestre de 2023 e dará servizo a 26 concellos
- Emprazada no polígono industrial de Baión, levantarase sobre un terreo que ocupa sete parcelas -20.000 m2 - polas que a empresa pública desembolsou 1,5 M€
- Con capacidade para xestionar 15.000 t/ano de materia orgánica e 7.000 t de material estructurante, producirá ao redor de 6.000 t/ano de compost
Vilanova de Arousa, a 11 de novembro de 2022.- O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, acompañado polo alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, visitou esta mañá, no polígono industrial de Baión, as obras da futura planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa (Pontevedra). Alí puido comprobar de primeira man o movemento de terras realizado durante os últimos días pola UTE PREZERO -Arias Infraestruturas, S.A, Petrolam Infraestruturas, S.L, e Prace, Servizos e Obras, S.A, adxudicataria da obra e posta en marcha desta instalación por 15,1 M€ (IVE incluído).
Con carácter previo aos primeiros traballos de acondicionamento do terreo, que ocupa sete parcelas (sumando estas unha superficie de 20.000 m2) e polas que a Sociedade pública efectuou un desembolso de 1,5 M€, resultou necesario tramitar a Autorización Ambiental Integrada (AAI), aparellada a un complexo proceso administrativo, así como a correspondente licenza urbanística municipal e outros permisos para poder acometer unha obra destas características.
A instalación, con capacidade para xestionar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica contida nos residuos municipais (FORSU) e outras 7.000 toneladas de material estructurante (podas e restos de madeira), producirá ao redor de 6.000 toneladas/ano de compost, cuxo destino será o sector da agricultura e a xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.
A planta vilanovesa, que estará culminada no terceiro trimestre de 2023, dará servizo a 26 concellos (326.846 habitantes) e integrará as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos recibidos na mesma: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así coma os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído.
Así mesmo, a enerxía necesaria para a operativa industrial procederá de fontes renovables, fundamentalmente de paneis solares, contribuíndo con isto á loita contra o cambio climático.
DESPREGAMENTO DE 18 INSTALACIÓNS PARA A VALORIZACIÓN DE FORSU
A planta de biorresiduos de Vilanova, xunto coa de Cervo (Lugo), que estará lista o próximo mes de decembro, a de Verín (Ourense), cuxas obras deron comezo hai un mes, e a de Cerceda (A Coruña), en funcionamento-, contarán co apoio de 14 plantas de transferencia (6 de nova construción e 8 de adaptación) que dispoñerán dun punto de transvasamento para a materia orgánica. Serán 18 instalacións en total coas que se dará cobertura á meirande parte dos municipios adheridos a Sogama, propiciando que estes conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Tal e como manifestou Javier Domínguez, “Malia a grave crise de materiais que estamos a sufrir en Europa debido ao actual contexto xeopolítico e o desorbitado prezo das subministracións e servizos, sacaremos adiante esta planta, que marcará un antes e un despois na xestión dos residuos municipais na provincia ao incrementar a achega á reciclaxe por parte dos pontevedreses”, ao que engadiu que “como brazo executor ao servizo da Xunta, poñemos a disposición toda a nosa enxeñería, medios, capital humano e esforzo para que a rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica estea ao dispor dos concellos en prazo e forma”.
A obra da planta de Vilanova conta cun cofinanciamento dos Fondos FEDER como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19, toda vez que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.
Saúdos, Departamento de Comunicación