- A cita terá lugar en Barcelona o próximo mes de decembro e na mesma cobrará especial protagonismo o rol das mulleres na economía circular
Cerceda, a 15 de setembro de 2023.-Barcelona acollerá o próximo mes de decembro o primeiro “Congreso de Mulleres no sector de Residuos”, no que cobrará especial protagonismo o rol das mulleres na economía circular. Así se acordou nunha nova xuntanza de mulleres profesionais do sector de residuos celebrado na Cidade Condal e impulsado pola Axencia de Residuos de Catalunya (ARC) a fin de recoller as achegas de persoas directamente vinculadas co sector.
Neste encontro deuse a coñecer o estado de execución das accións xurdidas do acto “Da reflexión á Acción” do pasado 8 de marzo, á vez que se detallaron as actuacións que está a levar a cabo a ARC en canto a igualdade e perspectiva de xénero no sector dos residuos
O congreso terá a misión de conectar a mulleres profesionais da economía circular e inspirar ao resto de mulleres a achegarse a un sector eminentemente masculinizado.
O Observatorio de Residuos e de Perspectiva de Xénero da ARC realizou un diagnóstico do sector, obtendo algunhas conclusións interesantes que axudaron a propoñer accións como fomentar a visibilidade das mulleres, romper estereotipos de xénero, incorporar a xestión e o tratamento de residuos aos currículos educativos, fomentar a igualdade de xénero nas empresas do sector e garantir o cumprimento das obrigacións legais en materia de igualdade.
Fonte e imaxe: Residuos Profesional