- Así o manifestou nunha entrevista concedida á Newsletter de Sogama José María Menéndez Salcedo, membro do Comité Organizador deste Congreso Mundial, que terá lugar en Bilbao do 7 ao 9 de outubro.
- Se ben non debe esquecerse o marco normativo europeo, Menéndez Salcedo considera que calquera plan de xestión de residuos debe adaptarse a cada realidade local e tomar en consideración as distintas circunstancias ambientais, económicas e sociais.
- Así mesmo, avoga por aplicar o concepto de responsabilidade compartida ao ámbito dos residuos, toda vez que a xestión dos mesmos non compete unicamente ao concello, senón que require da colaboración e participación de todos.
- A contaminación mariña por plásticos e o cambio climático son dúas das temáticas a abordar neste evento internacional.
Cerceda, a 21 de xuño de 2019.- Do 7 ao 9 de outubro, o pazo de congresos Euskalduna de Bilbao acollerá a edición número 29 de ISWA, congreso mundial de referencia en xestión sostible de residuos e no que se espera contar coa presenza de 1.500 congresistas procedentes de 70-80 países de todos os continentes.
Así o expuxo José María Menéndez Salcedo, membro do Comité Organizador de ISWA 2019, nunha entrevista concedida a Newsletter de Sogama e publicada recentemente.
Se ben non debe esquecerse o marco normativo europeo, Menéndez Salcedo considera que calquera plan de xestión de residuos debe adaptarse a cada realidade local e tomar en consideración as distintas circunstancias ambientais, económicas e sociais. Por tanto, ISWA constitúe un magnífico punto de encontro para a posta en común do coñecemento e experiencias na materia en distintas partes do mundo.
RESPONSABILIDADE COMPARTIDA NA ECONOMÍA CIRCULAR
Así mesmo, avoga por aplicar o concepto de responsabilidade compartida ao ámbito dos residuos, toda vez que non compete unicamente ao concello, senón que require da colaboración e participación de todos. De aí que un dos obxectivos deste evento sexa precisamente incrementar a concienciación dos cidadáns, que poden contribuír en gran medida á sostibilidade modificando os hábitos de consumo e propiciando un uso máis eficiente dos recursos, cada vez máis escasos e limitados.
Non en van, o lema do congreso “Economía circular: que estás facendo ti?”, evidencia claramente este extremo, toda vez que se visualiza a economía circular como un concepto “de puro sentido común” que, ademais, permite a creación de postos de traballo estables.
O 3% DAS EMISIÓNS GLOBAIS EMANAN DOS VERTEDOIROS
ISWA 2019 estruturarase en sesións plenarias e temáticas que tomarán a forma de posters, relatorios orais e mesas redondas, aglutinando seis bloques temáticos de gran interese tales como cidades sostibles, tecnoloxías de recollida e tratamento, impacto das tecnoloxías dixitais, innovación social, cambio climático e residuos plásticos nos mares. Neste último caso, cobran relevancia pola ameaza que representan para os ecosistemas, a fauna e tamén para a propia alimentación humana.
No caso do cambio climático, José María Menéndez recorda que o sector da xestión dos residuos representa en torno ao 4% das emisións globais de efecto invernadoiro e, delas, o 75% (é dici , o 4% das emisións globais) proceden do metano desprendido nos vertedoiros. Un dato que, ao seu xuízo, debe invitar á reflexión e a procura de alternativas ao vertido da fracción non reciclable, abordando, no caso de grandes vertedoiros, a desgasificación dos mesmos para a obtención de enerxía. Referiuse precisamente a un interesante informe de ISWA “Folla de ruta para a peche de vertedoiros”, no que se proporcionan datos preocupantes sobre medio cento de macrovertedoiros.
ATEGRUS, asociación sen ánimo de lucro centrada na protección do medio ambiente, dos recursos e o desenvolvemento sostible, é o Membro Nacional de ISWA en España que asume a organización do evento.
Saúdos, Departamento de Comunicación