- Leva por título “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo: as claves para afrontar as grandes ameazas do século XXI” e é froito de 5 anos de intenso traballo, aglutinando no mesmo coñecemento, experiencia e visión de futuro
- Tralo acto de Ordes, o autor inicia un periplo por toda a xeografía galega para dar a coñecer esta obra e reencontrarse cos concellos e os seus veciños nun momento especialmente relevante para a acción climática
Cerceda, a 13 de decembro de 2024.- O Prof. Dr. Francisco Peña Castiñeira presentou onte no Concello de Ordes (A Coruña) o seu novo libro “Rumbo á saúde ambiental planetaria e a un mundo novo: as claves para afrontar as grandes ameazas do século XXI”, e fíxoo na Casa da Cultura municipal, onde estivo arroupado polo alcalde da localidade, José Luis Martínez Sanjurjo, así como por outros membros do Goberno local, representantes de empresas e veciños interesados nunha das cuestións que máis preocupación xera a día de hoxe: gozar dun medio ambiente saudable.
Tras facer un breve repaso pola súa traxectoria profesional e persoal durante os últimos 45 anos, Peña Castiñeira asegurou ser un apaixonado da saúde ambiental, un concepto que, a comezos da súa carreira, soaba estraño, desproporcionado e irreal, pero que o paso do tempo logrou colocar no seu sitio, estando hoxe na axenda política e social de todos os gobernos, con independencia de ideoloxías e tendencias.
O libro, froito de 5 anos de intenso traballo, profundiza en distintas cuestións ligadas ao medio ambiente: desde a biodiversidade, a natureza e a educación, ata o ruído e os residuos, prestando especial atención ao cambio climático, que, aínda que xa irreversible a estas alturas, si pode ser amortecido coa colaboración da poboación, resultando necesario un proceso de adaptación ao mesmo para que o mundo teña a oportunidade de seguir avanzando como tal.
Emocionado, tivo palabras de agradecemento para moitos colegas, científicos, líderes e familiares, destacando a gran influencia da súa avoa Lola na súa persoa e traxectoria. Unha figura que guiou os seus primeiros pasos de neno en Ponteareas, pobo natal de Francisco Peña, do que é Fillo Predilecto, e á que estivo especialmente unido ao longo de toda a súa vida. A ela agradeceu publicamente os seus ensinos e, sobre todo, os seus valores infinitos: solidariedade, honestidade, comprensión, empatía, esforzo, coherencia, humildade e bondade, entre outros moitos, que él tamén tentou inculcar aos seus fillos e agora aos seus netos.
O acto de Ordes contou coa intervención, a través de videoconferencia, do científico Eleuterio Martínez Alcántara, presidente da Academia de Ciencias de República Dominicana, quen puxo de relevo a talla profesional e humana de Peña Castiñeira, así como todo o coñecemento que atesoura o seu novo libro, que resulta clave para entender as ameazas e desafíos do medio ambiente, e no que se achegan solucións e propostas.
Tralo acto de Ordes, o autor inicia un periplo por toda a xeografía galega para dala a coñecer a súa obra e reencontrarse con concellos e veciños nun momento especialmente relevante para a acción climática.
Hoxe estará no Grove e, mañá, na súa terra, Ponteareas.
Saúdos, Departamento de Comunicación