- Sogama entregou 50 novos composteiros a cada Concello que, sumados a partidas anteriores subministradas de forma gratuita por esta empresa pública, fan un total de 421 os fogares participantes en ambos os dous municipios.
- O obxectivo é poñer en valor a materia orgánica in situ, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo, contribuíndo a que a cantidade de residuos remitidos a Sogama para o seu tratamento final se vexa reducida.
Cerceda, a 16 de febreiro de 2021.- Os Concellos de Monforte de Lemos e Sober (Lugo), co apoio de Sogama, amplían o seu programa de compostaxe doméstica a un cento de novas familias (50 por localidade), sumando un total de 421 os fogares de ambos os dous municipios que participan activamente nesta iniciativa.
Con tal fin, a empresa pública subministrouelles de forma gratuíta os recipientes (de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables), así como manuais didácticos.
O obxectivo é poñer en valor a materia orgánica in situ, no mesmo lugar na que se produce, converténdoa nun abono natural con excelentes propiedades nutritivas e protectoras para o solo, en substitución dos fertilizantes artificiais.
É por isto que, para pechar o círculo de aproveitamento desta fracción de residuos, as vivendas adscritas ao programa deben ser unifamiliares e dispoñer de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante. Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, permitindo reducir a cantidade de refugallos enviados a Sogama para o seu tratamento final.
Persoal dos propios Concellos será o encargado de facer un seguimento do programa para comprobar se a técnica está a aplicarse de forma axeitada por parte dos usuarios, coñecer de primeira man as limitacións e dificultades coas que se atopan, en caso de habelas, e resolver as súas dúbidas.
Os composteiros permiten levar a cabo o proceso de autoxestión da materia orgánica dunha forma máis cómoda e hixiénica. Con capacidade para 390 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, deben ubicarse no exterior, nunha zona protexida e en contacto directo co solo para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
É indispensable que os usuarios presten atención a parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, que condicionarán en boa medida o resultado final.
Os interesados teñen a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal, onde tamén atoparán recursos didácticos e divulgativos tales como vídeos e xogos.
Saúdos, Departamento de Comunicación