- Nos últimos anos, modernizouse coa incorporación de novos enfoques didácticos adaptados a cada tramo de idade, maior presenza de actividades lúdicas e, sobre todo, unha maior interactividade cos visitantes
- Co obxectivo de que os menores de idade poidan ver, sen riscos, as entrañas das súas instalacións, Sogama implantou este ano un percorrido virtual no que, utilizando lentes inmersivas 360º, teñen a oportunidade de descubrir todos os recunchos dunha infraestrutura modélica, non só en España, senón tamén en Europa
Cerceda, a 2 de xaneiro de 2024.- Máis aló da mellora dos procesos industriais de Sogama mediante a incorporación das últimas tecnoloxías, a innovación e a dixitalización, posibilitando con isto unha maior eficiencia das súas instalacións, a educación ambiental da poboación foi desde sempre unha prioridade para esta empresa pública, consciente de que a formación, a transmisión de coñecementos e a concienciación dos distintos colectivos sociais na protección do medio ambiente a través da correcta xestión dos residuos, constitúe un dos mellores legados que esta compañía pode deixar a Galicia. Abordar as problemáticas ambientais desde a máxima colaboración, non só garantirá o cumprimento de obxectivos, senón que tamén afianzará a confianza entre as partes para seguir traballando de forma coordinada cara á consecución de novos retos.
Nos últimos anos, o programa de visitas a Sogama, polo que xa pasaron máis de 81.000 persoas, modernizouse coa incorporación de novos enfoques didácticos adaptados a cada tramo de idade, maior presenza de actividades lúdicas e, sobre todo, unha maior interactividade cos visitantes. Isto permitiu coñecer mellor as súas preocupacións e tamén as súas capacidades para achegar solucións, tanto de carácter individual como colectivo, a un problema -a elevada xeración de residuos-, ao que Sogama dá solución mediante unha concepción integral da xestión dos mesmos, que dá comezo coa prevención e o consumo responsable, continúa coa preparación para a reutilización e a reciclaxe, e culmina coa valorización enerxética da parte non reciclable a fin de extraer da mesma un recurso de gran valor, como é a enerxía eléctrica, relegando a vertedura a último lugar por representar unha seria ameaza para a contorna e a saúde das persoas.
Tras o obrigado parón derivado da pandemia, Sogama retomou o programa de visitas con máis forza que nunca e, co obxectivo de que os menores de idade poidan ver, sen riscos, as entrañas das súas instalacións, implantou este ano un percorrido virtual, con lentes inmersivas 360º, a través do cal os pequenos, e tamén os adultos, teñen a oportunidade de descubrir todos os recunchos dunha infraestrutura modélica, non só en España, senón tamén en Europa, desde ángulos inalcanzables pola vista nun itinerario a pé.
As xornadas culminan cunha serie de xogos, podendo destacar os Arcade, a través dos cales os visitantes poñen a proba os seus coñecementos na recollida selectiva de residuos, máis aló das súas destrezas motoras, capacidade de atención e reflexos.
Saúdos, Departamento de Comunicación