- Os 24 centros escolares que participan na iniciativa están a culminar os seus proxectos, orientados a instaurar a reciclaxe nas aulas a través da correcta separación dos residuos en orixe
- Sogama proporcionoulles os medios, tanto materiais como didácticos, para levar a cabo est labor e dispensoulles a formación
- Durante todo o curso, a empresa fixo un seguimento presencial do traballo desenvolvido en cada colexio e este mes, coincidindo coa última visita, efectuará a caracterización dos contedores que conforman as illas de reciclaxe para comprobar a calidade do material depositado nos mesmos
Cerceda, a 3 de maio de 2022.- O programa educativo “Recíclate con Sogama” 2021-2022, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, entra na súa recta final. Os 24 centros escolares de primaria que participan na iniciativa están a culminar os seus proxectos, orientados a instaurar a reciclaxe nas aulas a través da correcta separación dos residuos en orixe.
Para isto contan en todo momento coa axuda de Sogama a través da dotación de medios, tanto materiais como didácticos. Os primeiros tradúcense na dotación de illas de reciclaxe, conformadas cada unha por tres contedores de recollida selectiva (amarelo, azul e verde) para que os pequenos depositen nos mesmos, e de forma diferenciada, os distintos refugallos recollidos no centro, e a subministración de composteiros a aqueles colexios que dispoñen de comedor escolar e terreo no que aplicar o compost resultante.
Carteis, folletos, vídeos e xogos (tanto en liña como físicos), completan os recursos postos ao dispor dos centros para que poidan desenvolver as súas iniciativas con garantías.
VISITAS DE SEGUIMENTO
Os monitores ao servizo de Sogama manteñen un contacto permanente coa comunidade educativa para levar a cabo labores de orientación, asesoramento, supervisión de actividades e propostas de melloras.
Con todo, e coa pretensión de facer un seguimento máis preciso, xa materializaron tres visitas presenciais aos colexios participantes. A inicial tivo lugar a principios de curso, co fin de recabar datos de interese para o programa a través de entrevistas cos profesores coordinadores; a segunda executouse no segundo trimestre, concretamente en xaneiro, para impartir formación presencial sobre os tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e o labor de Sogama; e a terceira, en marzo e abril, para revisar o traballo acometido en cada centro.
En maio desprazaranse de novo aos colexios co mesmo obxectivo, pero, nesta ocasión, e de forma adicional, realizarán tamén caracterizacións dos contedores que conforman as illas de reciclaxe para comprobar in situ a calidade do material depositado en cada un deles ou, o que é o mesmo, o grao de acerto ou erro.
AVALIACIÓN
A final de curso, cada centro deberá presentar unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta, que será avaliada posteriormente pola Consellería de Educación e Sogama en base aos criterios establecidos de antemán. Entre os mesmos figuran a implicación dos colexios no programa, a súa capacidade para facer partícipe desta iniciativa aos respectivos concellos e a calidade do material depositado nas illas de reciclaxe.
Saúdos, Departamento de Comunicación