- Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, adéntrase na que xa será a súa 13ª edición co obxectivo de seguir formando e concienciando á comunidade educativa na xestión sostible dos residuos urbanos, abríndose a novos públicos
- Sogama proporcionará, aos 28 centros participantes de toda Galicia, os medios materiais e didácticos necesarios para que poidan levar a cabo os seus proxectos, aos que realizará seguimento para extraer todo o seu potencial pedagóxico
- Finalizado o curso académico, os colexios e institutos deberán subir á plataforma informática do Plan Proxecta unha memoria de actividades que será avaliada pola Consellería de Educación e Sogama
Cerceda, a 14 de novembro de 2024.- Tras 12 edicións en vigor centrado fundamentalmente nos centros escolares de primaria e, puntualmente nos de secundaria, o programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, adéntrase na tempada 2024-2025 con importantes novidades, xa que, por primeira vez, chega á Formación Profesional Básica.
Coa apertura a novos públicos, esta iniciativa pretende evolucionar e responder tamén ás necesidades e expectativas de moitos mozos e docentes comprometidos coa protección do medio ambiente e que queren aprender a ser máis sostibles a través da correcta xestión dos residuos urbanos.
Para isto, Sogama proporcionará a colexios e institutos os medios materiais e didácticos necesarios, podendo destacar, entre os primeiros, as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por catro contedores de recollida selectiva, con capacidade para 120 litros cada un (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para o papel e cartón; marrón, para a materia orgánica; xenérico, para a fracción resto) e, entre os segundos, carteis, guías didácticas para o profesorado e presentacións adaptadas aos distintos niveis educativos.
Formación, seguimento e avaliación
Do mesmo xeito que en cursos anteriores, persoal ao servizo de Sogama será o encargado de facer un seguimento e control do programa a través de tres visitas físicas aos centros: a inicial, de diagnóstico, que culminará antes de Nadal, e coa que pretenden ter a foto inicial da bagaxe da comunidade educativa na xestión de residuos, recompilando información sobre as características de cada centro, implicación do profesorado e perfil do alumnado; a intermedia, que terá lugar en torno ao mes de marzo de 2025, e coa que se comprobará o estado dos proxectos, mantendo entrevistas cos docentes coordinadores; e a final, antes de xuño, na que, ademais, se levará a cabo unha caracterización dos residuos depositados en cada un dos contedores que conforman as illas de reciclaxe para comprobar o grao de acerto ou erro na clasificación dos refugallos.
No mes de xaneiro, desenvolveranse sesións formativas presenciais en todos os centros e tamén se convocará un concurso de carteis para a promoción da reciclaxe.
Unha vez finalizados os proxectos, os centros deberán presentar unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta, que será avaliada pola Consellería de Educación e Sogama.
Centros seleccionados para participar na edición 2024-2025
- 7 na provincia da Coruña: CEIP de Présaras (Vilasantar), CEIP Canosa-Rus (Coristanco), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto (Boqueixón), CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda), IES Antonio Fraguas (Santiago de Compostela) e IES Ferrol Vello (Ferrol).
- 6 na de Lugo: IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), IES Monte Castelo (Burela), IES Plurilingüe San Rosendo (Mondoñedo), CPI Luis Díaz Moreno (Baralla), IES Río Miño (Rábade) e CPR Plurilingüe Nosa Señora do Pilar (Foz).
- 11 en Pontevedra: CPI do Progreso (Catoira), CIFP A Xunqueira (Pontevedra), CPR Salesianos A Mercé (Cambados), IES A Basella (Vilanova de Arousa), IES República Oriental de Uruguai (Vigo), CEIP Antonio Blanco Rodríguez (Covelo), CEP Plurilingüe Santa Tegra-Teis (Vigo), IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), IES de Poio (Poio), IES do Barral (Ponteareas) e IES Coruxo (Vigo).
- 4 en Ourense: CPI Terras de Maside (Maside), CEIP Bibei (Viana do Bolo), CEIP Virxe de Guadalupe (Avión) e CEIP Manuel Luís Acuña (Ourense).
Saúdos, Departamento de Comunicación