- Esta formación presencial, impartida por educadores especializados, tivo lugar nos 26 centros participantes logo dunha primeira fase de diagnóstico na que se recolleron os datos necesarios para definir un plan de acción orientado a instaurar a reciclaxe nas aulas
- A xestión sostible dos residuos e a aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) estiveron no foco das charlas, que tiveron tamén como obxectivo activar a concienciación ao redor da protección ambiental
Cerceda, a 8 de marzo de 2024.- A presente edición 2023-2024 do programa Recíclate con Sogama formou en xestión sostible de residuos a máis de 1.500 escolares e un cento de docentes pertencentes aos 26 centros de primaria e educación especial que este curso académico participan na iniciativa.
Esta formación presencial, impartida por educadores especializados, tivo lugar logo dunha primeira fase de diagnóstico na que se recolleron, a través de entrevistas cos coordinadores do programa en cada centro, os datos necesarios para poder definir un plan de acción orientado a alcanzar o principal obxectivo do programa, que é instaurar a reciclaxe nas aulas e conseguir que a comunidade educativa extrapole as boas prácticas ambientais aos seus fogares e contorna social.
As charlas impartidas en cada colexio pivotaron sobre a problemática que representa a elevada xeración de residuos e a necesidade de darlles unha xestión e tratamento axeitado, conforme ás súas características, resultando para isto indispensable a colaboración cidadá a través da adopción diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe); isto é, reducir a produción de refugallos a través dun consumo responsable, reutilizar os produtos o maior número de veces posible ata esgotar a súa vida útil e separar os residuos por tipoloxías para ser depositados nos contedores correspondentes e propiciar a súa reciclaxe.
Para que os centros poidan levar a cabo os seus proxectos, Sogama proporcionoulles os medios materiais e didácticos necesarios, debendo elaborar unha memoria de actividades a final de curso.
Nova visita de seguimento
A vindeira semana, os monitores realizarán unha nova ronda de visitas polos centros a fin de realizar un seguimento dos traballos, corrixir posibles erros e prestar o asesoramento necesario para que o programa cumpra os seus obxectivos en todos eles.
Saúdos, Departamento de Comunicación