- Durante os últimos anos estivo orientado, de forma maioritaria, a colexios de primaria
- Os centros interesados en participar terán de prazo ata o próximo 27 de setembro para presentar as súas candidaturas, que deberán canalizar a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia
- O programa, cuxo obxectivo é formar á comunidade educativa na xestión sostible dos residuos, estará limitado a 25 centros, que en todo caso deben pertencer a algún dos 295 concellos adheridos ao sistema Sogama, dando prioridade aos que non tiveran participado en edicións anteriores
En Cerceda, a 16 de setembro de 2024.- O programa didáctico “Recíclate con Sogama”, enmarcado no Plan Proxecta da Xunta de Galicia e en vigor desde hai 13 anos, estando orientado de forma maioritaria aos centros escolares de primaria, estenderase, durante o curso 2024-2025, aos de ESO e FB Básica.
Logo de máis dunha década de experiencias e resultados positivos, o obxectivo agora é trasladar os beneficios desta iniciativa a niveis académicos superiores para que a reciclaxe se afiance e se reforce entre novos públicos.
Do mesmo xeito que en edicións anteriores, o programa estará limitado a 25 centros do conxunto da comunidade, que en todo caso deben pertencer a algún dos 295 concellos adheridos ao sistema Sogama.
Entre os requisitos a cumprir polos candidatos, esixirase que as súas propostas sexan de calidade e se axusten aos obxectivos do programa, dando prioridade aos centros que non tiveran participado en anos precedentes. No caso de que haxa máis de 25 aspirantes que cumpran coas esixencias, a selección realizarase por orde de solicitude.
Os centros interesados terán de prazo ata o 27 de setembro para presentar as súas candidaturas, que deberán canalizar a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
Formar e concienciar: actividades
A pretensión de “Recíclate con Sogama” é formar á comunidade educativa no principio europeo dos tres erres (redución da produción de residuos; reutilización dos produtos, alongando a súa vida útil; e reciclaxe, previa selección dos refugallos e posterior depósito dos mesmos nos contedores correspondentes), así como concienciala para loitar contra a contaminación ambiental e o cambio climático a través da xestión sostible dos residuos municipais, facendo partícipes da mesma ás familias dos alumnos e contorna social máis inmediata, así como aos propios concellos.
As actividades de Sogama a executar ao longo do curso escolar comezarán cun diagnóstico de cada centro en materia de xestión de residuos, recopilando datos de interese a través de entrevistas coa Dirección e docentes coordinadores, e procedendo ao envío dos medios materiais e didácticos correspondentes.
Acto seguido, monitores ao servizo da empresa pública impartirán formación presencial ao alumnado e cadro docente, efectuando a partir dese momento varias visitas presenciais de seguimento aos centros para comprobar a evolución dos seus proxectos e, de ser o caso, corrixir erros e prestar o asesoramento oportuno.
E xa cara a finais do período académico, realizarase unha caracterización dos contedores de recollida selectiva achegados por Sogama para avaliar a calidade do material depositado en cada recipiente, ou, o que é o mesmo, o grao de acerto ou erro na recollida selectiva de residuos
Desde a súa posta en marcha, “Recíclate con Sogama” contou coa activa participación dun total de 45.444 alumnos e 2.269 docentes.
Saúdos, Departamento de Comunicación