- Canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, o seu principal obxectivo é promover a xestión sostible dos residuos nos centros educativos.
- Dentro deste marco común, os centros que participaron nas distintas edicións (25 no actual período académico 2018-2019) desenvolven os seus propios proxectos, que son supervisados polos técnicos de Sogama a fin de optimizar os seus resultados.
- A empresa encárgase de proporcionar os medios, tanto materiais como didácticos, para que os colexios poidan levar a cabo as súas iniciativas con totais garantías.
Cerceda, a 4 de xaneiro de 2019.- Desde a súa posta en marcha, as distintas edicións do programa educativo “Recíclate con Sogama” viñeron cultivando grandes éxitos. Tanto é así, que no presente curso académico 2018-2019 houbo centros que, malia presentar a súa candidatura en prazo, non puideron acceder a esta iniciativa debido ao elevado número de solicitudes, circunstancia que obrigou á empresa a aplicar uns estritos criterios de selección establecidos de antemán para este tipo de situacións.
Actualmente, son 25 centros educativos de primaria, pertencentes ás catro provincias galegas, os que participan na edición 2018-2019. O programa canalízase a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, que ten por obxecto a educación en valores. A día de hoxe, son 34.000 escolares os que tiveron a oportunidade de formar parte de Recíclate con Sogama e beneficiarse dos seus ensinos.
DOTACIÓN DE MEDIOS
Dentro dun marco común co que se pretende promover a reciclaxe nas aulas, a dinámica habitual é que cada centro desenvolva o seu propio proxecto, que é supervisado polos técnicos de Sogama. A fin de facilitar o traballo, a empresa pública dota ás escolas cos recursos necesarios, isto é, medios materiais e didácticos. Entre os primeiros, cabería destacar a subministración de illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, para envases de plástico, latas e briks; azul, para envases de cartón e papel; e verde convencional, para a fracción resto). Adicionalmente, tamén se entregan composteiros a aqueles colexios que contan con servizo de comedor e dispoñen de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante. Neste caso, os recipientes son de 350 litros de capacidade e a súa función é propiciar unha fermentación controlada da materia orgánica, baixo determinadas condicións de osíxeno, temperatura e humidade, obtendo un abono natural de alta calidade que pecha o ciclo de reciclaxe dos restos orgánicos en orixe.
Os soportes didácticos toman forma de carteis, folletos, guías, presentacións, vídeos e xogos, tanto online como físicos. Dentro destes últimos, cabería destacar o que leva por nome “Un partido polo planeta”, que percorre de forma itinerante os colexios para que os pequenos reforcen os seus coñecementos na xestión sostible dos residuos urbanos.
Pero o apoio de Sogama vai máis aló. Os seus técnicos visitan periodicamente os centros para arroupalos na execución dos seus traballos, supervisar as actividades realizadas, corrixir posibles erros e obter así un feed back que será de gran utilidade á hora de potenciar ou de corrixir determinados aspectos.
AVALIACIÓN
Tamén os técnicos son os encargados de realizar caracterizacións dos contedores para comprobar, con datos, o grao de acerto á hora de seleccionar residuos e cuantificar a porcentaxe de impropios. Un parámetro que se ten moi en conta á hora de avaliar as memorias finais.
Saúdos, Departamento de Comunicación