- Cun labor incansable ao longo do curso académico, ata durante o confinamento obrigado polo COVID-19, as accións deste centro no ámbito da reciclaxe foron incluídas no proxecto interdisciplinar anual “Visión 3C (Comunicación, Ciencia e Creatividade).
- A conmemoración de distintas efemérides cunha dimensión ecolóxica, a elaboración de manualidades, xogos e instrumentos con materiais de refugallos e a creación de patrullas de ecovixiantes, constituíron algunhas das actividades do seu particular itinerario verde.
Cerceda, a 30 de setembro de 2020.- O CEIP Milladoiro de Malpica (A Coruña) foi un dos centros que aportou un traballo destacado ao programa “Recíclate con Sogama” 2019-2020, no que participou xunto con outros 24 colexios de distintos puntos de Galicia.
Cun labor incansable ao longo do curso académico, ata durante o confinamento obrigado polo COVID-19, as súas accións no ámbito da reciclaxe foron incluídas no proxecto interdisciplinar anual “Visión 3C (Comunicación, Ciencia e Creatividade).
A preocupación deste colexio pola xestión sostible dos residuos non é nova, constituíndo unha temática na que viñeron traballando en cursos anteriores, prestando especial atención ao lixo mariño.
Con carácter previo á suspensión das clases debido ao impacto do coronavirus, xa levaran a cabo múltiples iniciativas nas que se implicou de cheo toda a comunidade educativa.
Tralas sesións formativas presenciais impartidas por persoal de Sogama e a dotación, por parte desta empresa pública, da illa de reciclaxe e material didáctico de apoio, o centro púxose en marcha co desenvolvemento das súas propias actividades divulgativas e lúdicas, reforzadas cunha campaña de vixilancia na que o alumnado voluntario asesoraba aos compañeiros sobre a selección de residuos, concretando os materiais a depositar en cada un dos contedores de recollida selectiva.
No laboratorio de ideas, que tiña lugar todos os mércores, traballaron tamén o ámbito da reutilización e a reciclaxe para evidenciar as múltiples posibilidades de aproveitamento que teñen os produtos antes de que acaben convertidos en refugallos.
CALENDARIO VERDE
Tamén vestiron de verde as efemérides máis relevantes. É o caso do Día do Libro, invitando aos alumnos a realizar unha manualidade con materiais de refugallo que estivese relacionada co seu conto favorito.
Inspirándose no Día da Paz, construíron unha pomba con artigos fóra de uso á que denominaron “Ecopomba”, sendo o seu cometido loitar contra os plásticos de usar e tirar.
As emocións tamén ocuparon un lugar relevante e, facendo uso de elementos reutilizables que sobraran doutros proxectos, representaron distintas emocións que complementaron con diversos xogos de reciclaxe e un cadro de arte.
No marco do Día Mundial do Medio Ambiente, botaron man de envases de yogurt para que os pequenos, nas súas casas, plantasen unha semente á que dar vida, á vez que traballaron na distancia o Día dos Océanos con diversas actividades entre as que figuraba a representación dun océano nunha botella de auga.
Durante o confinamento, propúxose aos escolares elaborar instrumentos musicais con residuos e practicar exercicio físico con obxectos reciclado.
Saúdos, Departamento de Comunicación