- Co título “Un cole 3R”, as actividades desenvolvidas o pasado curso académico por este centro encamiñáronse a concienciar ao conxunto da comunidade educativa sobre a elevada produción de lixo e a responsabilidade que todos e cada un de nós temos para facer fronte a esta problemática.
- O colexio aproveitou os eventos do calendario verde para reflexionar sobre a preservación do medio ambiente desde diferentes perspectivas e con distintas tarefas.
Cerceda, a 28 de setembro de 2020.- O proxecto medioambiental do colexio “Saco e Arce” de Toén (Ourense), foi un dos mellor valorados no marco do programa “Recíclate con Sogama” 2019-2020.
Baixo a denominación “Un cole 3R”, as actividades desenvolvidas por este centro o pasado curso académico encamiñáronse a concienciar ao conxunto da comunidade educativa sobre a elevada produción de lixo e a responsabilidade que todos e cada un de nós temos para facer fronte a esta problemática.
Con tal fin, nomearon unha patrulla verde, integrada por estudantes voluntarios e comprometidos co medio ambiente, os cales axudaron no proceso de clasificación de residuos nas aulas e espazos comúns do colexio a fin de propiciar o seu reciclado, facendo fincapé igualmente no aforro de auga e enerxía.
CONMEMORANDO O CALENDARIO VERDE
Durante a Semana da Ciencia, os escolares presentaron unha serie de experimentos e actividades relacionados coa ecoloxía (tempo de degradación dos residuos, o inodoro non é un vertedoiro, etc) e, durante o Samaín, traballaron cos denominados “Ecomedos”, que deron paso á festa dos monstros e meigas do lixo.
Con motivo do Día da Paz, cada estudante confeccionou, con materiais de refugallo, unha pulseira da amizade e, no marco do Entroido, disfrazáronse con diferentes atuendos coa pretensión de reflexionar sobre algunha temática ambiental.
E, para celebrar o Día da Muller, cada clase elaborou unha escultura con residuos nas que aparecían os nomes e achegas de mulleres galegas relevantes.
Os poemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) estiveron presentes no Día da Poesía e, para conmemorar o Día do Medio Ambiente, os pequenos fotografaron árbores e plantas da súa contorna e, con todas as imaxes, crearon xogos Educaplay.
Ademais da illa de reciclaxe e o material didáctico proporcionado por Sogama, esta empresa pública tamén proporcionou ao colexio “Saco e Arce” un composteiro para elaborar abono a partir da materia orgánica xerada.
A crise do coronavirus impediulles sementar todos os produtos que tiñan en mente, pero retomarán esta actividade en canto lles resulte posible.
Saúdos, Departamento de Comunicación