- O proxecto foi presentado oficialmente onte, na sede da GAIN, en Santiago de Compostela, e clausurado pola vicepresidenta segunda e xonselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez
- Liderado por Sogama, participan no mesmo, por parte de Galicia e en calidade de socios, o CITIC, e, por parte de Portugal, Lipor e a Universidade de Beira Interior
Cerceda, a 15 de marzo de 2024.- Onte, 14 de marzo, tivo lugar, en Santiago de Compostela, concretamente na sede da Axencia Galega de Innovación (GAIN), a xornada de lanzamento do proxecto europeo GRESINT, que lidera Sogama e no que participan, en calidade de socios, e por parte de Galicia, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e, por parte de Portugal, a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI).
O obxectivo deste proxecto é mellorar a clasificación de envases a través de tecnoloxías intelixentes que serán testadas mediante tres pilotos nas plantas de clasificación de envases de Sogama e Lipor, pretendendo con isto contribuír a alcanzar os obxectivos europeos de reciclaxe ao introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos virxes.
O presidente de Sogama, Javier Domínguez, acompañado polos coordinadores rexionais do POCTEP en Galicia e Portugal, Xosé Pérez Lago e Mário Guimaraes respectivamente, foi o encargado de inaugurar o acto.
Pola súa banda, a directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, explicou os pormenores do proxecto, así coma o papel que esta empresa pública desempeñará no mesmo, e José Henrique Silva, técnico de LIPOR, deu a coñecer os detalles da ferramenta que a entidade deseñou para a dixitalización da xestión de residuos.
Unha mesa redonda moderada pola directora xeral de Calidade, Sostibilidade e Cambio Climático da Xunta de Galicia, María Sagrario Pérez Castellanos, analizou as vantaxes da intelixencia artificial aplicada a residuos, contando para isto coas intervencións de Elísabet González, manager de Innovación da compañía PreZero; Bernardo Riveira, director de Operacións e Desenvolvemento de Cinfo; e Laura Alonso e Joan Mestre Adrover, técnica de Medio Ambiente e concelleiro de área respectivamente no Concello de Sant Llorenç deas Cardassar (Illas Baleares).
Actividades complementarias
Elixido no marco da terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), o proxecto GRESINT, cun prazo de execución ata o ano 2026, conta cunha dotación orzamentaria próxima aos 800.000 euros e contempla unha serie de actividades talles como a elaboración dunha Axenda de Dixitalización do proceso de xestión de residuos, un catálogo de tecnoloxías intelixentes existentes no mercado que poidan resultar relevantes na mellora dos procesos industriais e unha folla de roteiro para a implementación das tecnoloxías crave identificadas.
Tal e como manifestou Javier Domínguez durante a súa alocución, “Non é o primeiro proxecto que executamos conxuntamente con Portugal e confiemos en que tampouco sexa o último, porque, en cada colaboración, obtivemos resultados moi proveitosos”, ao que engadiu que “como queremos, e debemos, ser máis ambiciosos, nesta ocasión metémosnos de cheo na aplicación da intelixencia artificial ao proceso de clasificación e xestión de residuos de envases, e fixémolo cun fin último: incrementar as taxas de reciclaxe a ambos os dous lados da fronteira”.
Saúdos, Departamento de Comunicación