- Liderado por AIMPLAS, o obxectivo desta iniciativa é dobre: evitar a perda de redes de pesca e propiciar a súa recuperación e posterior valorización en forma de artigos textis de valor engadido.
- As primeiras probas de reciclado químico realizáronse con redes de poliamida para a obtención de fibras que permitan producir prendas de roupa deportiva.
- Ao longo dos dez meses de vida do proxecto, a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) contactou con diversos actores na cadea de valor dos aparellos de pesca para coñecer o seu ciclo de vida e os retos que supón a súa perda no mar e a reciclaxe ao final da súa vida útil.
Cerceda, a 13 de novembro de 2019.- O proxecto europeo OCEANETS iniciou as primeiras probas de reciclado para converter as redes de pesca en novos produtos. O obxectivo desta iniciativa é dobre: evitar a perda de redes de pesca e propiciar a súa recuperación e posterior valorización en forma de artigos textis de valor engadido.
Concretamente, realizáronse os ensaios iniciais da ferramenta de xeolocalización ICT, que os pescadores deberán empregar a modo de prevención para sinalizar as zonas nas que detecten obstáculos e poidan quedar atrapados os seus aparellos, así como para identificar os puntos nos que perdan as súas redes, tendo así a oportunidade de recuperalas.
Paralelamente, e xa en terra, comezaron tamén as probas para o desenvolvemento de novos métodos de reciclado mecánico e químico cos que se logrará dar unha segunda vida ás redes de pesca. O reciclado químico aplicouse, en primeira instancia, ás redes de poliamida para a obtención de fibras que permitan producir prendas de roupa deportiva.
No caso do resto de aparellos, AIMPLAS (Instituto Tecnolóxico do Plástico), entidade que exerce o liderado deste proxecto financiado pola Unión Europea, está investigando procesos de reciclado mecánico e compounding que permitan mellorar as propiedades do material para a súa posterior incorporación a distintas aplicacións de valor engadido.
O LABOR DE ARVI
Ao longo dos dez meses de vida do proxecto, a Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI) contactou con diversos actores na cadea de valor dos aparellos de pesca (fabricación, uso, reparación e xestión de residuos) para coñecer de primeira man o seu ciclo de vida e os retos que supón a súa perda no mar e a reciclaxe unha vez rematada a súa vida útil.
Con tal fin, esta Cooperativa traballou cos seus barcos asociados, que traen as redes inservibles a porto, cos redeiros, que fabrican e reparan os devanditos aparellos, e con axentes xestores de residuos. É o caso de Tecnopesca, fabricante de aparellos cuxos profesionais colaboraron na determinación da composición cualitativa e cuantitativa dun aparello típico de arrastre no Gran Sol e a toma de mostras das súas diferentes fraccións para a súa posterior valorización.
OCEANETS conta tamén coa participación de ECOALF, a Universidade de Vigo, Sintex e a Asociación Vertidos Cero, e atópase plenamente alineado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas polo compromiso que supón cunha produción e consumo responsables así como coa vida submariña.
Fonte: AIMPLAS
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación