- Sogama, en calidade de socio, foi a encargada de producir os contidos, que se atopan a disposición dos internautas no seu sitio web www.sogama.gal
- A través de dez temas abórdanse cuestións de gran interese tales como a problemática representada pola alta xeración de lixo nas sociedades modernas, a necesidade de construír unha sociedade europea da reciclaxe e avanzar cara ao vertido cero, o marco normativo de referencia, os pormenores do modelo Sogama e o paquete europeo de economía circular, desgranando a compostaxe desde distintas perspectivas e enfoques.
- Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, o proxecto está liderado pola Universidade do Minho e conta coa participación de distintos socios portugueses (CVR, BRAVAL e LIPOR), ademais doutros galegos (SOGAMA, CVAN e USC).
- En vigor ata finais deste ano, Res2Valhum conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros.
Cerceda, a 3 de maio de 2019.- No marco do proxecto europeo Res2ValHum, que ten por obxecto poñer en valor a materia orgánica contida nos residuos urbanos a través da compostaxe, Sogama, en calidade de socio, encargouse de producir os contidos integrados nun curso de formación online que está a disposición de todos os interesados no seu sitio web http://www.sogama.gal/gl/proxecto/res2valhum
PECHANDO O CÍRCULO
A través de dez temas abórdanse cuestións de gran interese tales como a problemática representada pola alta xeración de lixo nas sociedades modernas e a necesidade de avanzar cara ao vertido cero como garantía de protección ambiental, benestar e calidade de vida, así como a importancia que ten contribuír, desde a responsabilidade compartida, á construción dunha sociedade europea do reciclado capaz de preservar os xa escasos e limitados recursos naturais e xerar emprego verde de calidade.
Profúndase igualmente no marco normativo de referencia (tanto a nivel europeo como estatal e autonómico) e abórdanse os pormenores do modelo Sogama como garantía para o futuro sostible de Galicia, especialmente nun momento no que, grazas á ampliación do seu complexo industrial, sito en Cerceda (A Coruña), a entidade estará en condicións de tratar, de forma óptima, todos os residuos urbanos producidos na comunidade. Isto será posible grazas ao incremento da capacidade de xestión desta infraestrutura nun 81%, pasando das 550.000 toneladas a 1 millón. Unha mellora que permitirá á compañía multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e reducir o uso do vertedoiro a mínimos, quedando este relegado aos residuos que, dadas as súas características, non se poidan reciclar nin valorizar material ou enerxeticamente (vertido técnico cero).
Especial protagonismo adquire o paquete europeo de economía circular, toda vez que establece as medidas para maximizar o aproveitamento dos produtos e transformar os residuos en recursos, pechando o círculo da súa recuperación; un contexto no que adquire especial protagonismo o ecodeseño e a análise do ciclo de vida (ACV). Incídese así na necesidade de abandonar o caduco modelo lineal de usar e tirar e transitar cara a un circular que posibilite o mantemento dos materiais na economía durante o maior tempo posible.
Neste escenario, abórdase tamén o criterio Multi-Erre, co que se pretende superar os tradicionais tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) e engadir outras fases tales como repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír e recuperar enerxeticamente a fracción non reciclable evitando o seu vertido, a alternativa menos desexable polo seu negativo impacto para o medio ambiente e a saúde pública.
Igualmente, desgráase o proceso e características da compostaxe, así como as súas modalidades (industrial, doméstico e vermicompostaxe), enxalzando a importancia de avanzar cara a un compost de calidade cuxas aplicacións vaian máis aló da súa utilización como fertilizante biolóxico de alta calidade e remediación de solos contaminados, contemplando outros posibles usos vinculados á cosmética e accións terapéuticas e, polo tanto, abrindo a porta a novas áreas de negocio e emprego.
COOPERACIÓN A AMBOS LADOS DA FRONTEIRA
O proxecto, enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, está liderado pola Universidade do Minho e conta coa participación de distintos socios portugueses (CVR-Centro de Valorización de Residuos-; BRAVAL; e LIPOR -Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto-), ademais doutros galegos (SOGAMA, CVAN e a Universidade de Santiago de Compostela).
En vigor ata finais de ano, Res2Valhum conta cun orzamento superior aos 2 millóns de euros e pretende contribuír, mediante a xestión sostible dos residuos, ao desenvolvemento dunha economía verde no Espazo de Cooperación, seguindo os preceptos da economía circular.
Saúdos, Departamento de Comunicación