- Tivo lugar o pasado mes maio e na mesma déronse cita os protagonistas desta iniciativa, orientada a dar resposta efectiva aos desafíos e impactos medioambientais que o turismo orixina nas cidades, especialmente no ámbito dos residuos e o seu tratamento.
- O proxecto propúxose realizar unha análise co que definir o estado da arte do metabolismo urbano en 11 áreas urbanas piloto, entre as que se atopan dúas españolas: Santander e Tenerife.
- Nas mesmas estudouse a forma de mellorar determinados procesos para alcanzar un turismo máis sostible a nivel local.
Cerceda, a 19 de xuño de 2019.- Desde a súa posta en marcha, fai tres anos, o proxecto europeo URBAN-WASTE levou a cabo un intenso traballo centrado en dar resposta efectiva aos desafíos e impactos medioambientais que o turismo orixina nas cidades, especialmente no ámbito dos residuos e o seu tratamento.
O seu obxectivo dirixiuse fundamentalmente a formular políticas orientadas á redución da cantidade de refugallos municipais nas urbes turísticas e fomentar prácticas e estratexias de reutilización e reciclaxe, e todo isto baixo o paraugas dun modelo de economía circular que permita previr a xeración de residuos, propiciando que estes se convertan en recursos e se reintegren no fluxo urbano.
Neste marco, URBAN WASTE propúxose realizar unha análise co que definir o estado da arte do metabolismo urbano en 11 áreas urbanas piloto que van desde illas e cidades insulares ata cidades costeiras turísticas, cidades costeiras altamente urbanizadas e destinos turísticos de interior. Finalmente, formaron parte desta iniciativa cidades e rexións da talla de Florencia, Niza, Lisboa, Syracuse, Copenhague, Kavala, Santander, Nicosia, Ponta Delgada, condado de Dubrovnid-Neretva e Tenerife, nas que se estudou a forma de mellorar determinados procesos para alcanzar un turismo máis sostible a nivel local.
Na súa recta final, o proxecto presentou os seus resultados nunha conferencia que tivo lugar o pasado mes de maio en Bruxelas baixo o título “Xestión de residuos en turismo. Importa?” e á que asistiron máis dun cento de participantes, dando voz ás entidades que participaron no mesmo. Así, abordáronse as razóns que impulsaron o desenvolvemento desta iniciativa, as oportunidades e responsabilidades das cidades e rexións na transición cara a unha economía verde, a importancia da correcta xestión dos residuos nas zonas turísticas e a necesaria cooperación entre as autoridades e as partes interesadas locais.
Tamén se abordaron as solucións TIC, a problemática do lixo no mar, as ferramentas para a prevención do desperdicio alimentario e a contribución do sector hostaleiro ao turismo sostible.
Fonte: Urban Waste
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación