- Coordinado pola Fundación Biodiversidade, pretende elaborar unhas pautas consensuadas de actuación, e articular unha rede de entidades colaboradoras, para que a xestión de obxectos perdidos procedentes das actividades de pesca sexa o máis eficiente, segura e responsable posible.
Cerceda, a 23 de xullo de 2021.- No marco do proxecto INTEMARES, iniciáronse unha serie de traballos para protexer e xestionar os fondos mariños da Rede Natura 2000 fronte aos negativos efectos provocados polo lixo mariño
Estas actuacións, denominadas INTEMARES-Caladoiros Limpos e INTEMARES-Artes Perdidas, desenvolveranse durante os próximos dous anos e estarán coordinadas polas asociacións Vertidos Cero e Hombre yTerritorio, respectivamente.
A primeira organización elaborará un esquema nacional cuns criterios comúns para a pesca pasiva de lixo mariño no noso país, pretendendo que este documento, consensuado con todos os axentes implicados (administracións, autoridades portuarias, organizacións pesqueiras, técnicos e axentes sociais), sirva de referencia para as futuras accións, dotándoas de coherencia.
Tamén se creará unha base de datos nacional sobre obxectos retirados nas actividades de pesca que permitirá mellorar o coñecemento dos mesmos e traballar sobre a súa orixe para dar cumprimento á normativa internacional na materia.
Pola súa banda, a Asociación Hombre y Territorio coordinará a creación dun novo protocolo nacional de actuación que permita homoxeneizar como se inventarían, localizarían, avaliarían e, no seu caso, se extraerían e xestionarían os utensilios que se usan para a pesca profesional e recreativa nas distintas demarcacións mariñas de España e que poden perderse de maneira involuntaria durante o desenvolvemento destas actividades.
Aquí inclúense igualmente accións demostrativas no territorio para as que se contará coa participación dos distintos actores que están involucrados na xestión destes materiais. É o caso de pescadores, servizo marítimo da Garda Civil, Salvamento Marítimo, mergullo recreativo e profesional, aseguradoras de mergullo, así coma conservadores e investigadores expertos en biodiversidade mariña.
Tentarase xerar unhas pautas consensuadas de traballo, así como unha rede de entidades colaboradoras para que a xestión destes elementos sexa o máis eficiente, segura e responsable posible.
O proxecto LIFE NTEMARES, coordinado pola Fundación Biodiversidade e apoiado polo Programa Life da Unión Europea, conta coa participación, entre outras entidades, da Axencia de Medio Ambiente e Auga, o Instituto Español de Oceanografía e a Confederación Española de Pesca.
Fonte: Proxecto INTEMARES
Imaxe: Pexels