- A campaña ‘1m2 polas praias e os mares’, a desenvolver entre os días 16 e 24 de setembro, buscará recoller e analizar os residuos abandonados nestes espazos naturais para coñecer en profundidade este grave problema que ameaza á biodiversidade
Cerceda, a 1 de agosto de 2023.- Manter as costas e os mares libres de residuos, e analizar como afecta a “basuraleza” aos espazos naturais mariños, é o motivo que impulsa, por sétimo ano consecutivo, a campaña do Proxecto Libera ‘1m2 polas praias e os mares’, promovida por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes.
A edición deste ano terá lugar entre o 16 e o 24 de setembro, coincidindo co Día Internacional de Limpeza de Praias (World Clean Up Day), que se celebra o 16. Neste marco, LIBERA convida de novo a todos os sectores da sociedade a pasar á acción, saíndo a caracterizar e recoller refugallos nas praias do noso país.
Para participar, as organizacións, asociacións ou entidades interesadas poden rexistrarse e crear os seus propios puntos de recollida a través da páxina web proyectolibera.org ata o 10 de setembro.
Ademais de crear conciencia na sociedade sobre a conservación e a protección das contornas costeiras, o Proxecto LIBERA busca, con esta nova edición de ‘1m2 polas praias e os mares’, seguir ampliando o coñecemento sobre as características e os efectos da “basuraleza” sobre estas contornas e as especies que os habitan.
Un labor de caracterización que permite extraer datos coma o peso, a cantidade ou a tipoloxía dos residuos e que é primordial para definir pautas e crear solucións eficientes para acabar co problema. Con tal fin, os participantes da campaña usarán a app MARNOBA, deseñada pola Asociación Vertidos Cero e KAI Marine Services, unha plataforma que recolle e almacena toda a información necesaria para coñecer a “basuraleza” abandonada en costas e mares de todo o país.
Cando finalice a campaña, todos estes datos sumaranse aos máis de 820.000 obxectos xa caracterizados desde 2017 e que LIBERA recompilou no seu ‘Barómetro da Basuraleza’, e posteriormente integraranse na base de datos do MITECO.
Máis de 46.000 residuos caracterizados en 2022
Na anterior edición, e grazas á participación de máis de 6.000 persoas, chegáronse a retirar máis de 7 toneladas de lixo das praias e contornas mariñas de todo o país, das cales se caracterizaron 46.800 residuos. Entre o lixo máis atopado e analizado, destacou un volume importante de cabichas, pezas de plástico e toalliñas húmidas.
Fonte e imaxe: Proxecto Libera