- Por cuarto ano consecutivo, con esta iniciativa, que se celebrará do 26 de setembro ao 4 de outubro, búscase coñecer en profundidade a basuraleza que ameaza á biodiversidade.
- Calquera organización, asociación, entidade ou colectivo pode participar na mesma creando puntos de recollida e rexistrándose a través da páxina web proyectolibera.org
- Como non podía ser doutra forma, a prioridade desta nova edición será que as recollidas se fagan coa máxima seguridade, seguindo en todo momento as últimas recomendacións oficiais no marco do COVID-19.
Cerceda, a 17 de setembro de 2020.- LIBERA, iniciativa de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes, pon en marcha a campaña de ciencia cidadá ‘1m2 polas praias e os mares’, que se celebrará do 26 de setembro ao 4 de outubro, e coa que se busca manter as costas libres de basuraleza
Ata o 20 de setembro calquera organización, asociación ou entidade pode rexistrarse a través da páxina web proyectolibera.org e crear puntos de recollida de basuraleza en praias e mares.
Este ano, seguindo todas as medidas de seguridade e recomendacións de cada comunidade autónoma, os grupos creados para as recollidas deberán ser dun máximo de 10 persoas, excepto en Murcia, onde só serán de 6.
O obxectivo desta campaña é recompilar datos das características da basuraleza atopada: volume, cantidade e tipoloxía, tanto do lixo flotante coma do depositado nas praias e nos fondos mariños co fin de formular estratexias máis eficientes e efectivas para acabar con este problema ambiental.
Para isto, emprégase a aplicación móbil MARNOBA, desenvolvida pola Asociación Vertidos Cero e KAI Marine Services; unha plataforma que recompila, almacena e mostra información sobre o lixo mariño das costas e os mares de España.
Os datos obtidos nesta campaña de ciencia cidadá intégranse na base de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITECO) e sumaranse aos máis de 250.000 obxectos xa caracterizados e que LIBERA recompilou no seu ‘Barómetro da Basuraleza’.
Na pasada edición, case 5.800 ‘Heroes LIBERA’ recolleron un total de 36 toneladas de basuraleza, das que se conseguiron caracterizar 75.658 residuos. A pretensión deste ano é superar o número de materiais caracterizados grazas á creación de máis puntos con menos xente.
LUVAS E MÁSCARAS, COA FRACCIÓN RESTO
Cada ano abandónanse na natureza millóns de toneladas de residuos, aos que agora se suman luvas e máscaras desbotables, cuxo destino debe ser o contedor da fracción resto.
Outro dos refugallos máis atopados en praias e mares son as cabichas, que representan unha grave problemática, xa que, segundo diversos estudos, o efecto contaminante das mesmas pode durar entre 7 e 12 anos, e ata algúns autores afirman que pode chegar ata os 25 anos.
Fuente e imaxe: Libera